O filme ‘A Esmorga’ atópase en Ourense na recta final da súa rodaxe

Jacobo Sutil no set de rodaxe
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe nunha xornada de rodaxe do filme ‘A Esmorga’, que se está a levar a cabo en distintos emprazamentos do casco vello da cidade de Ourense baixo a dirección de Ignacio Vilar e a cargo da produtora galega Vía Láctea Films.
O proxecto, cofinanciado pola Consellería a través da concesión en 2012 dunha subvención de 334.369,75 da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) á produción de longametraxes cinematográficas en lingua galega, levará por vez primeira á gran pantalla a emblemática novela de Eduardo Blanco Amor.
En representación de Cultura e Educación, o director da Agadic, Jacobo Sutil, compartiu co equipo técnico e artístico uns momentos do labor da filmación levada a cabo na praza Maior de Ourense e comprobou o proceso de traballo da produción da película protagonizada polo trío de actores que compoñen Antonio Durán ‘Morris’, Karra Elejalde e Miguel de Lira.
‘A Esmorga’, publicada en 1959 e considerada como unha das obras máis representativas da historia da literatura galega, conta a vivencia de tres personaxes: Cibrán ‘o Castizo’, Milhomes e o Bocas, a partir do momento no que o primeiro deles relata diante do xuíz as peripecias acontecidas durante vinte catro horas continuadas de festa e borracheira na localidade de Auria, transposición literaria de Ourense.
A gravación do filme, que comezou o pasado mes de novembro, desenvolverase ata finais de marzo coa participación de máis dun cento de figurantes noutras localizacións do casco histórico ourensán, como son As Burgas, a rúa Bailén, a praza das Damas, a praza do Ferro ou a mesma catedral de San Martiño.











