O executivo da Coruña adxudica o servizo para actualizar a cartografía do municipio
O Concello actualizará toda a información cartográfica do municipio da Coruña despois da adxudicación deste proxecto por un importe de 378.004 euros e cun prazo de execución de ano e medio. Esta nova iniciativa do Goberno local permitirá non só a actualización da cartografía, senón tamén mellorar a información existente.
Un total de 8 empresas presentáronse a este concurso, convocado mediante procedemento aberto, por un importe de 429.550 euros. Unha vez analizadas as propostas, adxudícase a Geograma por 378.004 euros, o que supón un aforro do 12% con respecto ao orzamento de licitación.
Con esta iniciativa, o Concello atópase inmerso no proceso de integración de toda información susceptible de ser referenciada mediante a súa localización xeográfica. O Goberno municipal busca con este proxecto pór
A Coruña á vangarda neste tipo de cartografía a nivel nacional, o que permitirá ofrecer servizos e aplicacións máis avanzadas aos cidadáns. Ademais, trátase dun dos eixos fundamentais para o desenvolvemento de Smart City, desenvolvéndose a nova cartografía en coordinación e colaboración co Instituto de Estudos Territoriais de Galicia.
O novo proxecto da Concellaría de Infraestruturas desenvolverase en catro fases durante os próximos 18 meses:
Fase 1. Estudo dun modelo de datos GIS municipal.
Fase 2. Adaptación da cartografía ao modelo de datos GIS municipal.
Fase 3. Actualización da cartografía GIS municipal. Tamén se aproveitará para depurar a información que coa cartografía existente anteriormente non se puido representar correctamente de acordo ao modelo de datos establecido.
Fase 4. Elaboración da ortofoto dixital do municipio da Coruña. Permitirá substituír a ortofoto vixente, realizada en setembro de 2012.











