O executivo coruñés inicia a mellora de accesibilidade en Catro Camiños, Os Castros, Ensanche e Sagrada Familia
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas, informa de que hoxe, martes 11 de febreiro, arrincan as obras de mellora de accesibilidade do Distrito 3. As primeiras zonas nas que se actuará será a avenida do Exército e as rúas Manuel Murguía, Rianxo e Ponte. En total, intervirase en 195 localizacións entre vaos e paradas de autobús, principalmente, nos barrios do Ensanche, Sagrada Familia, Catro Camiños e Os Castros. O prazo de execución é de 10 meses e o contrato, de 440.490 euros, supuxo un 24% de aforro con respecto ao orzamento fixado na licitación.
O Concello realiza un esforzo significativo en atender as principais solicitudes dos cidadáns, entre as que se atopan as referidas a temas de accesibilidade nas vías públicas. Por este motivo, a Concellaría de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado deseñou un plan de mellora da accesibilidade dentro do ámbito que abarca o Distrito 3, onde se acometerán toda unha serie de melloras relacionadas coa mobilidade dos peóns. Así, neste novo proxecto municipal préstase especial atención ás melloras nos vaos peonís, paradas de autobús, escaleiras e mobiliario urbano. Os traballos están encamiñados á adaptación das condicións das beirarrúas e os espazos públicos actuais para solucionar problemas puntuais de accesibilidade.
En total, no Distrito 3, entre os barrios do Ensanche, Sagrada Familia, Catro Camiños e Os Castros, executaranse 195 intervencións, desenvolvidas da seguinte maneira:
– 100 vaos de accesibilidade en pasos de peóns.
– 17 paradas de autobús.
– 13 vaos de accesibilidade, asociados ás paradas de bus.
– 19 actuacións prioritarias ao longo de toda a cidade.
– 46 vaos de accesibilidade asociados a estas actuacións prioritarias.
Estas actuacións de accesibilidade súmanse ás 260 programadas no Distrito 1 e ás 90 intervencións nos barrios do ámbito do Urbana C. Con este novo proxecto, o Concello destinou recentemente máis de 1,4 millóns de euros para realizar 545 obras en 10 barrios da cidade.











