O establecemento Cousalinda gaña o VIII Concurso de Escaparates do Concello de Ames
Esta mañá coñecéronse os comercios premiados no Concurso de Escaparates de Nadal 2013, organizado pola Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo e no que participaron un total de 36 establecementos comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro. Neste concurso, os comerciantes amienses competiron co engalanado dos seus escaparates, que estiveron expostos dende o 18 de decembro de 2013 ata o 5 de xaneiro de 2014. Tralo ditame do xurado, nesta edición o primeiro premio recaeu no comercio Cousalinda. O segundo premio é para o establecemento Desván de Pestañas, mentres que o terceiro premio levouno a panadería Pan y Bollería Iuli. Este ano como novidade estableceuse o premio especial do público que foi para a librería Boas e Novas. En total, o Concello repartiu 2.000 euros entre os catro premios existentes.
Este xoves pola mañá celebrouse a reunión do xurado para determinar os gañadores do VIII Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames. Tralo ditame dos membros do xurado xa se coñecen os gañadores deste concurso. O primeiro premio recaeu no comercio Cousalinda, situado no Centro Comercial Novo Milladoiro. O segundo premio foi para o establecemento Desván de Pestañas, de Bertamiráns, mentres que o terceiro premio recaeu na panadería Pan y Bollería Iuli, do Milladoiro. O concurso tivo 36 participantes e segundo o xurado o nivel desta edición foi moi alto. O primeiro premio está dotado de 800 euros, o segundo premio é de 600 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros.
Este ano como novidade estableceuse o premio especial do público que foi para a librería Boas e Novas, situada en Bertamiráns. Para determinar este premio, que está dotado con 200 euros, tivéronse en conta todas as votacións que fixeron os veciños e veciñas de Ames durante a campaña comercial de Nadal. Para iso, o Concello entregoulle 150 boletos a cada establecemento inscrito no Concurso de Escaparates, para que foran distribuídos entre a súa clientela. Posteriormente, o veciños/as tiveron que depositar os devanditos boletos nas urnas situadas para tal efecto tanto na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns; como na Casa de Cultura e na Biblioteca municipal, do Milladoiro.
Ademais, esta maña sorteouse unha PlayStation 4 entre toda a clientela que emitiu, polo menos, un boleto nas urnas colocadas para tal efecto. A gañadora deste agasallo é Ana María Beiró Gómez.
O xurado estivo composto polo alcalde de Ames, Santiago Amor; o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar; Antonia Pinto Veloso, técnica especialista en escaparatismo; dous representantes das asociacións de comerciantes de Ames; e por Jorge Couñago, técnico municipal do departamento de Promoción Económica, que actuou como secretario.
Apoio ao comercio
O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, agradeceu “a participación dos comerciantes amienses nesta iniciativa” e subliñou que “en total o Concello de Ames investiu máis de 32.000 euros na campaña de Nadal, incrementando con respecto a edicións anteriores o número de premios concedidos, as súas cantidades e poñendo en marcha novidosas iniciativas como o concurso Rasca e Gaña e outras actividades como a ludoteca ou obradoiros dirixidos aos máis pequenos”. A campaña de Nadal comezou o pasado 13 de decembro e estendeuse ata o 31 de xaneiro, coincidindo por primeira vez co período de rebaixas.
Bernardo Moar fixo fincapé en que “a de Nadal é unha das moitas iniciativas que o Concello de Ames desenvolve ao longo do ano para o fomento do comercio amiense, colaborando activamente coas asociacións de empresarios do municipio”. O concelleiro destacou que, deste xeito, “o Concello cumpre cunha das súas prioridades, que é velar polo bo desenvolvemento socioeconómico das empresas situadas no seu término municipal, facendo especial fincapé no comercio retallista, o principal sector empresarial no concello de Ames”.
O concelleiro explicou que “a través deste concurso, o Concello de Ames premia un ano máis aos comerciantes comprometidos coa mellora da oferta comercial de Ames e dispostos a renovarse e innovar, mostrando así o compromiso do Goberno municipal por favorecer o desenvolvemento dos comercios amienses. Este concurso ten o obxectivo de dinamizar o comercio amiense e estimular as compras”.











