O espectáculo de humor, maxia e pompas de xabón “Bubble Bros” chega ao Jofre
A compañía Made in Jabón subirase este sábado, día 8, ao escenario do Teatro Jofre para representar “Bubble Bros”. A función, que forma parte da programación cultural do Concello de Ferrol, dará comezo ás 20:00 horas e as entradas poderán ser adquiridas no despacho do teatro municipal ou a través da páxina web: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
O espectáculo familiar mestura teatro, humor, fantasía e enormes pompas de xabón -ingrediente clásico en tódalas obras da compañía Made in Jabón, que conta co Record Guinness pola elaboración da cadea de pompas de xabón máis grande do mundo-. A obra conta a historia do doutor Bros, un científico que está inmerso nun experimento que cambiará a súa vida: a creación de outro ser humano. Para logralo, Bros fusionará diversos materiais como éter, aire e xabón dentro dunha gran máquina esférica, dando lugar a unha persoa de tamaño real.











