O Entroido de Ferrol contará cun gran desfile, unha gala de comparsas e un concurso de disfraces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Festas, organiza un ano máis os festexos do Entroido. As actividades concéntranse na xornada do martes de Entroido, día 4 de marzo, e incluirán un desfile de comparsas e disfraces, unha gala e un concurso de disfraces.

Igual que o ano anterior, o gran desfile acompañará ás dez comparsas que actuarán na Gala que se desenvolverá na praza de Amboaxe. As agrupacións participantes, pertencentes a diferentes municipios da comarca de Ferroltera, serán: Os Parrandolos; A Canteira; Os colludos; A revolta de Trasancos; Os argalleiros; Os xunquiños; Río Belelle; Os trastos; Troúpele, Troúpele e Piratas penencia. O desfile sairá ás 18:00 horas da praza de España e percorrerá as principais rúas do centro da cidade ata Amboaxe. Así, ás 20:00 horas comezará a Gran Gala, onde actuarán as dez comparsas e se repartirán un total de 700 euros en premios aos mellores disfraces en categoría individual ou parellas e en grupos.

Enterro da Sardiña de Ultramar

O Enterro da Sardiña de Ultramar porá o vindeiro venres, día 7, o broche final aos festexos de Entroido. O Concello de Ferrol colabora coa Asociación de Veciños de Ultramar para a organización do evento. Esta cerimonia que anuncia o remate do Entroido dará comezo ás 23:00 horas na praza de Ultramar. Ademais, durante a xornada do venres 7, terá lugar ás 17:30 horas unha festa infantil na que se celebrará un concurso de disfraces, e ás 20:15 horas realizarase un desfile de comparsas.

28 de febreiro de 2014 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.