O Entroido arranca co Baile de Disfraces para os maiores en Neda e os Bocados nos establecementos hosteleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

A programación festeira do Entroido 2014 deseñada polo Concello de Neda principiará oficialmente mañá venres, 28 de febreiro, co Baile de Disfraces para os maiores e a proposta gastronómica da hostelería local “Bocados de Entroido”. A primeira cita celebraráse no Centro Cívico Ramón Millarengo a partires das 18 horas. Haberá degustacións de productos típicos destas datas, baile e música en directo co grupo La Clave. O prezo das entradas é de dous euros e, con ela, os asistentes poderán participar no sorteo dunha cesta con productos alimenticios valorados nuns 100 euros.

O mesmo venres tamén arrancarán os “Bocados de Entroido”. Unha iniciativa conxunta entre a hostelería local e a Concellería de Turismo na que participan sete establecementos. Os seus clientes poderán degustar xunto coa consumición pinchos típicos destas datas e recibirán un boleto para participar no sorteo das diferentes cestas que se rifarán antes do 5 de marzo, cando conclúa a proposta. Así mesmo, aqueles que se animen a disfrazarse e fotografarse nos locais participantes e colguen esas imaxes na páxina de Neda Turismo en facebook participarán no concurso aberto polo Concello e o sector hosteleiro. O gañador será aquel que reciba máis “Me gusta” por parte dos internautas. Os locais participantes son: Bar Hermida, Mesón O Fumazo, Bar A Pía, Cervecería O Lagar, Cafetería La barra de Oro, Mesón de Tony e Híper Energy.

Aínda que á marxe do Entroido, a localidade acollerá tamén esta fin de semana a décima edición do Encontro de Palilleiras, que organiza a asociación Filigrana coa colaboración do Concello, a Deputación Provincial de A Coruña e a Xunta de Galicia. Será o sábado, 1 de marzo, no pavillón polideportivo San Isidro en horario de mañá (de 11 a 13,30 horas) e de tarde (de 16 a 18 horas), con entrada libre. Preto de 350 palilleiras chegadas de toda Galicia e, incluso de fóra da Comunidade, darán a coñecer o seu arte e técnica.

Por último, a Concellería de Cultura e Educación reedita a tradicional festa infantil de Entroido. Nenos e nenas teñen unha cita este domingo, a partires das cinco da tarde, no pavillón polideportivo de Neda. Con entrada libre, poderán disfrutar dunha xornada de xogos, baile, música e hinchables. ¿Único requisito? Acudir con disfraz e moitas ganas de pasalo ben.

27 de febreiro de 2014 | 11:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.