O edil Román Rodríguez reúnese cunha trintena de estudos técnicos de arquitectura
O edil de Urbanismo e voceiro do grupo de goberno incide en que con estas medidas “trátase de fomentar a cultural dixital, reducir trámites burocráticos e de promover as medidas de aforro económico para os particulares e para a propia administración”
O concelleiro de Urbanismo e voceiro do grupo de goberno, Román Rodríguez, mantivo esta mañá cos estudos técnicos de arquitectura que traballan de xeito habitual co Concello, preto dunha trintena, para informarlles das medidas de modernización que en materia de Urbanismo ten en marcha o seu departamento municipal.
O edil de Urbanismo precisou que “a de hoxe foi unha reunión de coordinación entre responsables municipais de Urbanismo e os consulting-empresas de redactores de proxectos técnicos convocada con dous obxectivos básicos: para explicarlles as novidades que introduce a Lei 9/2013 de emprendemento e competitividade e para anunciarlle a posta en marcha do Expediente Dixital no ámbito das licenzas de obras e títulos habilitantes”.
Román Rodríguez indicoulles aos representantes dos consultings que “a nova Lei introduce un novo sistema de concesión de títulos habilitantes de natureza administrativa e de licenzas e de aí que vos convocaramos a esta xuntanza a efectos de coordinar e informar para facilitar a implantación da nova regulación que está orientada a reducir os tempos de tramitación de expedientes impulsados polos particulares e emprendedores co obxectivo final de reducir custos”.
“Se ben temos que adaptarnos ao novo marco, hai que destacar que Lalín contamos cunha posición de avantaxe competitiva ao contar desde o ano 2012 con ordenanza específica de licenzas exprés, que xerou xa unha nova cultura na xestión administrativa coa implementación das comunicacións previas e de declaracións responsables e que posibilitou a tramitación de ao redor dunha trintena de actividades económicas ao abeiro desta ordenanza”.
E+D
O segundo dos temas que Román Rodríguez lle expuxo aos asistentes ao encontro foi a posta en marcha do Expediente Dixital no ámbito das licenzas de obras e títulos habilitantes, “programa E+D”. Neste sentido informou “ás empresas e consultorías elaboradoras de proxectos sobre a elaboración e tramitación dos expedientes baixo formato electrónico”. “Trátase de confeccionar un expediente integramente dixital, tanto de documentación achegada polos particulares como dos documentos elaborados por técnicos municipais, un paso decisivo para a progresiva implementación da administración electrónica”, resaltou.
“Ao remate do proceso -puntualizou- entregarase ao solicitante do expediente unha unidade USB con todos os documentos xerados no expedientes en formato dixital E+D, o que facilitará unha maior transparencia, axilización da tramitación, seguridade xurídica e aforro económico para os solicitantes e para a administración”.
Por último Román Rodríguez fai fincapé en que “se trata en definitiva de fomentar a cultura dixital, reducir trámites burocráticos e de promover medidas de aforro económico para os particulares e para a propia administración”.











