O edil pontevedrés Bará presenta aos veciños a reordenación de aparcamentos no centro de saúde da Parda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O concelleiro da área urbana, Luís Bará mantén esta tarde, a partir das 19.00 horas, unha reunión con varios colectivos do barrio da Parda (Asociación de veciños Manuel Quiroga-Pedro do Lagarto, ANPA Escola Infantil da Parda, Conservatorio de Música Manuel Quiroga e Centro de saúda da Parda) para abordar a ordenación da mobilidade e do estacionamento na contorna do centro de saúde e dos centros educativos da Parda.

O concelleiro explicará que o Goberno está traballando na reordenación do estacionamento, da seguranza viaria e da accesibilidade no entorno dos centros de saúde e dos centros educativos da cidade. Ademais da contorna do centro de saúde da Parda, o equipo de mobilidade da Policía Local está a analizar o ámbito do ambulatorio Virxe Peregrina, do centro de saúde de Monte Porreiro e tamén de Montecelo. Ademais estuda medidas nos ámbitos escolares.

Ao respecto do centro de saúde da Parda, a proposta que presentará o concelleiro aos veciños é crear unha zona de servizos de estacionamento de 15 minutos na contorna do centro (hai que lembrar que está aberta unha parcela de aparcamento gratuíto a escasos metros e con cabida para 100 vehículos); ordenación do estacionamento dos vehículos de emerxencia; tamén de vehículos para persoas con discapacidade; bicicletas e motocicletas; e acometer algunhas medidas de seguranza viaria e accesibilidade (novos pasos de peóns, lombos…).

Tamén se dará resposta a unha petición da ANPA da escola infantil para protexer o paso de peóns que está sendo invidido por coches polo que se instalarán morróns.

O concelleiro quere presentar estas propostas e recoller as achegas dos veciños, especialmente no tocante aos horarios das paradas de 15 minutos, dado que se viron disfuncións en ámbitos escolares como nas rúas Iglesias Vilarelle e A Estrada.

Luís Bará tamén explicou que a Policía está a estuar a mellora da seguranza viaria no ambulatorio Virxe Peregrina, a mellora da accesibilidade e reordenación no centro de saúde de Monte Porreiro, así como unha mellora substancial da accesibilidade e seguranza viaria na estrada de Montecelo, onde se realizará “un proxecto de envergadura”.

6 de febreiro de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.