O director xeral de Xustiza visita as obras de construción dos novos xulgados de Ourense

Visita ás obras
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron esta mañá no barrio do Couto as obras do novo edificio xudicial da cidade das Burgas.
Nesta visita institucional, Martín reuniuse cos profesionais dos xulgados ourensáns, aos que lles anunciou que está previsto que a nova infraestrutura xudicial estea rematada a finais deste ano, para posteriormente iniciar os traslados e a ocupación do inmoble.
Tratase dun edificio singular, funcional e operativo, no que o Goberno galego está a investir máis de 16 millóns de euros e que permitirá albergar 24 xulgados e concentrar toda a actividade xudicial nun mesmo lugar.
Así mesmo, a cidade de Ourense gañará un edificio recoñecible, que contribuirá decisivamente á mellora da zona do Couto e verá duplicados os seus espazos xudiciais con esta nova infraestrutura.
A obra enmarcase dentro do Plan de infraestruturas xudiciais, un ambicioso programa do Goberno galego que supón un investimento de máis de cen millóns de euros e conta obras que son xa unha realidade en cidades como Ferrol, Santiago ou esta mesma de Ourense.
Estas novas infraestruturas mellorarán substancialmente o servizo prestado aos cidadáns, polo que é fundamental a colaboración cos distintos concellos, xa que son estes os que ceden os terreos á Xunta para que esta leve a cabo a construción dos edificios.











