O director territorial de Endesa di que o Rio Natura Monbus fai “máis con menos”

Foto de familia da visita a Endesa
O director xeneral territorial de Endesa Noroeste, Miguel Temboury, afirmou na visita do Rio Natura Monbus ás súas instalacións das Pontes que este fai “máis con menos”.
O directivo da principal patrocinadora da liga ACB recibiu aos integrantes do club compostelán, ao que felicitou pola súa traxectoria e polos seus valores no baloncesto. “Facedes máis con menos, bos resultados con pouco orzamento”, destacou sobre un conxunto que a pesar de ser dos máis humildes da competición, sempre consegue os seus obxectivos.
Tamén estiveron presentes algúns representantes da dirección en Galicia como o director da factoría das Pontes, Miguel Anxo Asún, xunto co director xeral do club, José Luís Mateo.
O equipo chegou a media tarde á central eléctrica, onde compartiu minutos cos traballadores e os seus fillos, ademais de levar unha detallada explicación do funcionamento da mesma.
Unha hora despois desprazouse até o pavillón municipal das Pontes, onde estivo con ao redor de 150 pequenos afeccionados que puideron gozar dunha exhibicion de cada xogador do equipo en directo.
Antes da clásica firma de autógrafos e as posteriores fotografías, cinco dos asistentes tiveron a oportunidade de xogar un un contra un co seu xogador favorito da liga Endesa.











