O director de Augas de Galicia confirma varias inversións no Concello de Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O director de Augas de Galicia Francisco Menéndez reuniuse esta mañá co alcalde de Cangas José Enrique Sotelo nun encontro no que trataron diversos temas de interese municipal.

A primeira das cuestións abordadas foi o borrador do prego administrativo do proxecto de explotación integral do ciclo da auga que contou coa asistencia técnica de Augas de Galicia. Esta documentacións será entregado mañá aos voceiros dos distintos grupos políticos con representación municipal que foi convocada para mañá pola tarde. Sotelo quixo agradecer tanto á entidade coma a Consellería de Medio Ambiente a súa colaboración tanto neste tema como nos demais abordados hoxe.

Outro dos temas tratados foi o das diferentes inversións que se realizarán no municipio, coma as actuacións que se van a realizar na Praza das Pontes. Os fondos necesarios para o acometemento destas obras xa están comprometidos para que os traballos comecen nos vindeiros meses.

Esta obra permitirá por unha banda paliar o problema das inundacións provocadas polo desbordamento do río Bouzos, aínda que non suporá unha solución definitiva. Feito que poden constatar as concellerías de Obras e Medio Ambiente, representadas polos edís Bernardino Faro e Jesús Graña, que nestes días comprobaron como 16 contedores de area foron retirados do couce do río e aínda así estivo a tan só 16 cm de desbordar. Por outra banda permitirá poñer ao descuberto unha das pontes máis características da vila que actualmente se atopan soterradas recuperando así parte do patrimonio histórico de Cangas.

Hai que sinalar que este proxecto dá resposta a unha forte demanda por parte de gran parte da poboación canguesa e en ningún caso obedecerá a intereses particulares.

Nos próximos días o alcalde e técnicos municipais manterán unha reunión cos membros da asociación de veciños da zona para explicarlles as características das actuacións que se van a levar a cabo.

Durante a reunión tamén falaron da inversión que se acometerá para reducir as augas pluviais na rede de saneamento. Este investimento aínda está á espera dos fondos europeos que a Xunta de Galicia destinará a este cometido.

Outro dos asuntos sobre os que dialogaron foron os puntos de vertidos localizados na fronte marítima, grazas a un estudo levado a cabo por unha consultora de Augas de Galicia, evitando así os vertidos que puntualmente se producen na ría.

20 de febreiro de 2014 | 20:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.