O dianteiro Welliton foi presentado no estadio de Balaídos ante varios centos de afeccionados

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Deportes ► Vigo ▼
A-
A+
Welliton durante a presentación

Welliton durante a presentación

O último reforzo invernal do RC Celta, o dianteiro Welliton Soares, foi presentado esta tarde no estadio de Balaídos. O atacante brasileiro, que chega cedido polo Spartak de Moscova até final de tempada, atendeu aos medios de comunicación na sala de prensa e a continuación se enfundó por primeira vez o uniforme celeste ante máis de trescentos celtistas que lle deron unha calorosa benvida desde a bancada.

O novo xogador céltico estivo acompañado na súa presentación polo vicepresidente Pedro Pousada, quen lle deu a benvida a Welliton en nome da entidade, e Miguel Torrecilla, director deportivo, que definiu ao ariete paraense como un futbolista que “destaca pola súa potencia e que vai dar variedade e competencia ao noso ataque”.

Welliton mostrouse agradecido e motivado nas súas primeiras palabras como celeste: “Non mo pensei dúas veces. Agradezo ao club que me contraten. Esta é unha oportunidade moi boa para min”. O dianteiro, que mañá adestrará por primeira vez cos seus novos compañeiros, asegurou que vai traballar, axudar ao club e alegrar á afección con goles”.

A pesar do mal tempo, máis de trescentos celtistas acudiron ao estadio de Balaídos para alentar a Welliton no seu primeiro día como xogador do Real Club Celta. O brasileiro pousou ante os medios gráficos, regalou balóns e asinou autógrafos aos afeccionados.

2 de febreiro de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.