O día 22 celébrase o LII Trofeo “Joaquín Romero” e II Memorial de Campo en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrol
A-
A+

A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá o LII Trofeo “Joaquín Romero” II Memorial de Campo a Través, que se celebrará o vindeiro sábado, 22 de febreiro, no campo merendeiro de As Cabazas a partir das 11 horas. O evento deportivo está patrocinado polo Concello de Ferrol e contará co control do Comité Territorial de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

Martínez Galdós sinalou que “esta proba de Campo a Través é un clásico xa dentro desta modalidade do atletismo polo que se espera unha nutrida participación en tódalas categorías”. A proba disputarase en dúas categorías: a Escolar -dende benxamín a cadete- e a Absoluta -de xuvenil a maiores de 64 anos-. Así, outorgaranse premios aos tres primeiros clasificados de cada categoría e sexo. As inscricións poderán realizarse ata o mércores, día 19, ás 20:00 horas a través da páxina web da delegación: www.fgaatletismo.es/ferrol.

A edil de Deportes sinalou que este Campo a Través recorda a Joaquín Romero Serantes “nacido no barrio ferrolán de Canido no ano 1923 e que comezou a súa andadura atlética no ano 1940, competindo ata 1959 e participando como veterano ata 1961”. Entre os seus éxitos deportivos destacando o Campionato Galego de Maratón, un Campionato Galego de Campo a Través e varios Campionatos provinciais de Vista. Así mesmo, Joaquín Romero foi galardoado na IV Festa do Deporte Ferrolán no ano 1974 e  obtivo tamén a Medalla de Prata ao Mérito Deportivo.

12 de febreiro de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.