O deporte invade a cidade herculina coas probas Coruña21, Coruña42 e Coruña10

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, participou esta mañá na presentación das probas Coruña21, Coruña42 e Coruña10. Ao acto tamén asistiron Pati Branco, director de relacións externas do Corte Inglés; Madó González, directora técnica da Federación Galega de Atletismo; e Andrés Díaz, recordman de Europa en 1.500 metros pista cuberta.

“Unha vez máis O Corte Inglés une o seu esforzo ao do Concello nunha firme aposta polo deporte, tanto a nivel profesional como afeccionado”, asegurou Mourelo, quen agradeceu a Pati Branco a renovación do patrocinio neste tres importantes probas nacionais.

“Este Goberno local ten un claro compromiso coa promoción do deporte e dos hábitos de vida saudables. E facémolo, por unha banda, apoiando e impulsando grandes eventos de elite e, por outra, potenciando actividades populares que sirvan para sumar a todos os cidadáns”, sinalou o concelleiro.

Neste sentido, Mourelo informou de que a cidade acollerá o Campionato de España de Media Maratón, o próximo 23 de febreiro coincidindo coa celebración de VINA Coruña21; o 27 de abril será a quenda da III Maratón Atlántica Coruña 42; e o 5 de outubro a VIII Coruña10: “Conseguimos que estas probas que eran ineludibles no calendario deportivo da cidade, o sexan tamén a nivel nacional”, destacou o concelleiro e engadiu: “Trátase de probas moi atractivas para os atletas polos propios trazados que ao ser planos son propicios para grandes marcas, pero tamén polos altos estándares de sustentabilidade que estamos a alcanzar e polo gran nivel de participación e de implicación da cidadanía”.

O responsable de Deportes lembrou que desde a primeira celebración de cada unha deste tres probas, Coruña10 logrou multiplicar por 16 o número de inscritos, mentres que Coruña 21 pasou de 863 a 1.215, e Coruña 42 mantense nunha media de 2.000 participantes.

Tal e como indicou Mourelo, a aposta por este tipo de eventos de atletismo combínase coa promoción das carreiras populares a través de iniciativas como a II edición de Coruña Corre, a San Silvestre, a Carreira da Muller, ou as Running Series: “O circuíto de Coruña Corre resultou unha experiencia moi positiva, xa que este ano temos 1.000 corredores máis que na primeira edición, unha maior participación feminina (pasouse do 13 ao 25%) e o dobre de familias (80). Ademais, logramos a implicación dos clubs e as asociacións veciñais, co que ademais de fomentar a práctica deportiva, conseguimos dinamizar os barrios”. O concelleiro lembrou que se trata dun circuíto ideal para os que se queren iniciar no running porque é moi alcanzable para principiantes, con percorridos de entre 5 e 8 quilómetros.

O concelleiro informou de que non só se está notando un incremento da práctica do running a nivel afeccionado, senón que os propios clubs de atletismo están a ver como este ano se duplicou o número de nenos e nenas inscritos “o que nos axudará a formar aos atletas do futuro”.

CLASE MESTRA

Co obxectivo de manter vivo este binomio entre deporte de elite e popular, o Concello da Coruña volve apostar pola realización de actividades paralelas ás probas de carácter nacional. Deste xeito, mañá sábado 15 de febreiro, prográmase unha clase mestra dos deportistas Yolanda Gutiérrez (gañadora en 2010, 2011 e 2ª na pasada edición do Media Maratón) e Andrés Díaz (recordman europeo de 1.500 metros lisos en pista cuberta europeo), na que impartirán un adestramento gratuíto orientado a todos os corredores populares.

A cita será ás 10.30 horas na praza da Cubela e nela os dous atletas compartirán tanto a súa experiencia como claves para mellorar a técnica, trucos sobre estiramentos, tipos de zancada e pisada, dunha forma amena. O obxectivo é unir a amateurs e profesionais nunha gran festa deportiva e ofrecer aos afeccionados unha oportunidade inigualable de aprender dos mellores. Os interesados deberán enviar un mail a carreraspopulares@coruna.es.

14 de febreiro de 2014 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.