O departamento de viarios de Ferrol repara lousas no barrio da Magdalena

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O servizo municipal de Obras, Reparación e Mantemento de Viarios do Concello de Ferrol, continúa os seus traballos na zona centro da cidade. Estas tarefas levadas a cabo polos operarios de Misturas S.A –empresa adxudicataria do servizo- forman parte das intervencións semanais realizadas nos distintos barrios da cidade e permiten cubrir as peticións veciñais.

Durante esta semana, o servizo de mantemento e reparación de infraestruturas 

realizou tarefas de mellora nas rúas Real e Terra. Máis polo miúdo, os operarios da empresa adxudicataria acometen hoxe actuacións no tramo comprendido entre a praza de Armas e a praza de Amboaxe. Estas obras únense ás intervencións realizadas, durante a pasada semana, nas rúas María e Carme.

Traballos de aglomerado no entorno do Sánchez Aguilera

Ademais, dende o pasado luns tamén se traballa na mellora do pavimento no entorno das terminais de autobuses e trens e da parcela do Sánchez Aguilera. Neste punto da cidade, lévase a cabo  actuacións de aglomerado, que afectan fundamentalmente a confluencia da Avenida de Compostela coa rúa Virxe da Cabeza.

Así mesmo e con motivo desta actuación, permanecerá cortado ao tráfico dende Santa Mariña ata as estacións, tanto de ferrocarril como de autobuses, e a zona da Praza de España. Segundo as previsións de traballo do devandito servizo, esta restrición temporal permanecerá como mínimo 10 días e afecta a ámbolos dous sentidos da circulación pero non ao tránsito peonil da zona.

12 de febreiro de 2014 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.