O departamento de obras vilagarcián realiza diversas actuacións de mellora no barrio do Piñeiriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Obras traballa dende hai semanas en diversas actuacións de mellora no barrio do Piñeiriño. Cos traballos que se están a realizar o departamento que dirixe Ana Franja responde ás peticións transmitidas pola presidenta da asociación de veciños e consisten no nivelado de beirarrúas, reposición de mobiliario urbano e melloras no parque infantil.

Os primeiros traballos realizados xa hai uns días foron os de nivelado de varias zonas das beirarrúas do barrio na que o enlousado se atopaba levantado debido ás raíces das árbores que adornan algúns alcorques e que dificultaban o tránsito dos peóns. Os operarios de Obras tamén retiraron algúns bancos en mal estado dos terreos da urbanización que da á Avenida de Cambados co obxecto de reparalos. O mobiliario estase arranxando no obradoiro da nave que o Concello ten en Trabanca Badiña e estaba previsto comezar a pintalos esta mesa tarde para proceder a colocalos nos vindeiros días.

Granja explicou que os operarios traballaban hoxe no acondicionamento do pavimento do parque infantil que tiña moitos desniveis debido ao levantamento de adoquíns pola acción das raíces das árbores que afloran. As tarefas consisten na retirada do material para nivelar cunha capa de area e o porterior asentamento de novo dos adoquíns xa na superficie lisa.

A concelleira comentou que tamén está previsto arranxar a verxa da cancha de deportes que se atopa rota nunhas zonas e solta noutras. Estes traballos realizaranse cando pare de chover.

Ademais destes arranxos, a concelleira lembrou que a semana pasada tamén se levaron a cabo no Piñeiriño as labores de limpeza intensiva de rúas que, aparte de incluír o lavado de calzada, beirarrúas e contedores de lixo, tamén supuxo a limpeza e desatasco dos tragantes de recollida de pluviais para facilitar o desaugue en momentos de intensas choivas como as que se están a rexistrar nestes días.

4 de febreiro de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.