O CXPX prorroga seis meses as medidas de reforzo ao xulgado que instrúe a causa de Angrois
A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) acordou prorrogar outros seis meses as medidas de reforzo coas que conta o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que instrúe a causa aberta polo accidente do Alvia acontecido en Angrois o 24 de xullo.
Na súa reunión deste martes, a Permanente aprobou a proposta cursada o pasado 10 de xaneiro pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na que se solicitaba que se renovasen, por igual período e nas mesmas condicións, as medidas de reforzo que xa estaban en marcha.
Para atender o incremento de traballo do Xulgado, derivado da instrución desta causa, prorrogouse a adscrición permanente dunha xuíza substituta a este órgano.
Ademais, pediuse ao Ministerio de Xustiza que prorrogue o nomeamento dun secretario xudicial en comisión de servizo e á Consellería de Presidencia que renove o de cinco funcionarios.











