O consorcio As Mariñas coordinará un proxecto para mellorar a eficiencia enerxética na área metropolitana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Consorcio As Mariñas coordinará un proxecto de obras para promover a eficiencia enerxética na comarca. Os Concellos decidiron aproveitar a súa colaboración xa existente no Consorcio para buscar un maior apoio e financiamento autonómico para as actuacións.

O organismo supramunicipal xa encargou a redacción do proxecto para acometer melloras nos municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Arteixo neste caso non formará parte do proxecto dado que xa tiña acordada a súa concorrencia ás axudas, que convoca a Xunta, con Laracha e Carballo. O presidente do Consorcio, José Antonio Santiso, explica que as actuacións se centrarán especialmente na introdución de eficiencia enerxética na iluminación pública e na instalación de reductores de fluxo. Estas medidas “promoverán o aforro e contribuirán á preservación do medio ambiente”, sinala.

Cada Concello será o que seleccione as obras a acometer no seu territorio. Para iso, a empresa redactora do proxecto contactará con cada Concello para ir definindo as actuacións.

Dado que a convocatoria de subvencións enerxéticas da Xunta prima as asociacións entre municipios, os alcaldes do Consorcio decidiron utilizar esta unión que manteñen para engadir esta competencia puntual e así ter moita máis forza nas axudas.

Santiso destaca así mesmo, como outra vantaxe deste proxecto conxunto, a liberación da carga de xestión para os servizos técnicos de cada Concello.

Proposta para obradoiros de emprego

Outra das actuacións susceptibles de ser encomendadas ao Consorcio As Mariñas poderían ser os obradoiros de emprego. A Xunta tamén confire máis axudas aos proxectos que involucran a varios municipios.

Por iso, o presidente do Consorcio avanza que proporá aos alcaldes estudar tamén delegar esa acción no ente comarcal. “Debemos aproveitar ao máximo as posibilidades que nos brinda dispor dun órgano que funciona para conseguir máis vantaxes para os cidadáns da comarca”, afirma.

21 de febreiro de 2014 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.