O Consello local da muller de Vilagarcía rexeita o anteproxecto da lei do aborto por maioría
O Consello Local da Muller acordou por maioría, en xuntanza celebrada o 29 de xaneiro de 2014, facer público o seu rexeitamento ao Anteproxecto de Ley orgánica de protección del concebido y de los derechos de la mujer embarazada prevista polo Goberno do Estado. A representante do Partido Popular e a da unha asociación votou en contra.
As representantes do Consello Local da Muller consideran esta reforma da actual Lei do aborto un retroceso dramático para os dereitos das mulleres polos seguintes motivos:
• A actual Lei de 2010 recoñece ás mulleres a efectividade dos seus dereitos sexuais e reprodutivos, é dicir, o dereito a decidir sobre si mesmas, a súa sexualidade e a súa maternidade como suxeitos autónomos con capacidade de decisión.
• A aplicación da Lei de 2010 non só non produciu problemas nin rexeitamentos, senón que os propios datos recentemente publicados na web do Ministerio de Sanidade en decembro de 2013 reflexaban que o número de abortos reduciuse.
• A regulación recollida no anteproxecto de Ley orgánica de protección del concebido y de los derechos de la mujer embarazada supón un retroceso de máis de 30 anos no recoñecemento dos dereitos ás mulleres como suxeitos xurídico/políticos: cuestiona a súa autonomía e, polo tanto, a súa capacidade de decisión.
• Con este anteproxecto vólvese a un sistema de supostos moitísimo máis restritivo que a regulación que estivo vixente entre 1985 e 2010 e somete ás mulleres embarazadas a unha penosa peregrinaxe en busca dos informes médicos requeridos, vulnerando a súa libre determinación da personalidade e a súa dignidade humana, xa que son outras persoas as que se erixen con capacidade e lexitimidade para decidir sobre elas.
• O anteproyecto non ten en conta a decisión das menores de 16 a 18 anos ao esixirlles acreditar o consentimento e o asentemento dos titulares da patria potestade, titor ou curador sen ter en conta situacións de conflitos graves intrafamiliares e/ou de violencia;
• Este anteproxecto é obxecto de contestación e rexeitamento por una ampla maioría social: asociacións de mulleres, asociacións de clínicas acreditadas, asociacións de profesionais da sanidade, asociacións de profesionais dos Servizos Sociais, partidos políticos, sindicatos, asociacións de xuíces tanto a nivel nacional como internacional e do noso contorno europeo.











