publicidade hoxe

O Consello da Xunta aproba o decreto de ocupación para garantir a estabilidade de 1.500 metros do noiro na AC-550 en Muros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaMuros
A-
A+

O Consello da Xunta, na súa reunión desta mañá, aprobou o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras de estabilización dun noiro na estrada AC-550 ao seu paso por Muros. Estes traballos comezaron a finais do pasado mes de xaneiro, polo procedemento de emerxencia, e durante a súa execución observouse que é preciso actuar en zonas que non son de dominio público, o que fai  necesario expropiar terreos para garantir a estabilidade dos 1.500 metros de noiro. Trátase do último paso administrativo desta obra, despois de que o Consello da Xunta declara de emerxencia esta actuación. A expropiación implicará un aboamento de máis de 15.000 euros.

A Consellería de Medio Ambiente, que destina un orzamento total de peto de 400.000 euros para as obras de limpeza e estabilización do noiro entre os puntos quilométricos 38+000 e 39+500, onde se produciu un desprendemento acontecido na madrugada do pasado sábado 18 de xaneiro.

Para a execución destes traballos será necesario un período aproximado dun mes e medio, durante os que estará habilitado un desvío de tráfico por un treito da estrada antiga. Estas obras de emerxencia comezaron pola zona máis sensible, onde se produciu o desprendemento, no quilómetro 38, e consisten no despexe e roza da cabeza do noiro; desmonte e retaluzado dos 2-3 metros superiores, saneo e retirada de bloques soltos, para a continuación realizar a drenaxe e bulado do noiro. Durante o desenvolvemento das obras realizarase un seguimento xeotécnico completo.

Os traballos na zona 1 avanzan a bo ritmo a pesar da dura situación meteorolóxica que obrigou a parar o bulonado en varias ocasións a causa do excesivo vento. O saneo, escavación e retaluzado do noiro xa remataron e está pendente a corta de árbores, así como os labores de bulonado e colocación de malla. A previsións son que esta zona estea completamente restituída ao tráfico a primeira semana de marzo.

Ao longo desta mesma semana tamén se iniciaron os traballos na denominada zona 2, o ámbito do faro, do pk 39 +080 a 39 +320, que tamén é necesario afectar o tráfico, dando sentido único alternativo regulado mediante semáforos.

Unha vez que comece o saneo do noiro, á vista do comportamento deste, ese mesmo día determinarase se é posible que os cortes de tráfico se produzan unicamente durante a xornada laboral. Posteriormente, unha vez rematada por completo a obra de estabilización do noiro levarase a cabo a fresadura e reposición do firme de toda a zona afectada polas obras.

Choivas intensas, causa dos desprendementos

Debido ás intensas choivas acaecidas durante os días 17 e 18 de xaneiro de 2014, produciuse un desprendemento do noiro da marxe esquerda da estrada AC-550, que une as localidades de Cee con Ribeira, no contorno do p.q. 38+290, no termo municipal de Muros.

O persoal da Xunta e especialistas desprazados, ao día seguinte do suceso, concluíron na necesidade de levar a cabo unha obra de emerxencia, posto que o noiro presenta zonas con buzamentos desfavorables, fracturación e topografía variable que, xunto coas fortes choivas que se están a producir, provocou a presenza ao longo deste quilómetro e medio varias zonas de inestabilidade, con cuñas e/ou bolos con risco de rotura e desprendemento.

20 de febreiro de 2014 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.