O Conselleiro de Educación participa na reunión do padroado da Fundación Laxeiro
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na reunión do padroado da Fundación Laxeiro, onde manifestou a súa admiración pola obra “dun dos nosos artistas máis grandes e integradores” e mostrou o seu apoio á Fundación para que “continúe divulgando e poñendo en valor a súa obra”.
Vázquez Abad recordou a Laxeiro como “un creador universal, que transitou case un século de historia sen deixar, nin un só día, indiferente a ninguén”. “Este lalinense era un artífice de soños marabillosos, un traballador infatigable pola beleza e pola ética, un convencido da posibilidades da grandeza do ser humano, unhas virtudes que ennobrecen e que son o centro da nosa vida”, engadiu.
Nesta xuntanza do padroado tamén se entregou o premio ‘Laxeiro 2014’, un galardón que a Fundación outorga de forma anual a unha persoa ou institución de probada solvencia no eido cultural galego, e que na súa décimo primeira edición recaeu na poeta Luz Pozo Garza. Respecto a escritora galardoada, o conselleiro de Cultura e Educación a definiu como “unha autora cunha obra poética que conmove e que transmite, o mesmo que a pintura de Laxeiro, conseguindo que o ser humano sexa mellor”.











