O Congreso Internacional da Camelia contará cuns 250 congresistas de todo o mundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPontevedraPontevedra
A-
A+
Presentación do Congreso Internacional da Camelia

Presentación do Congreso Internacional da Camelia

Preto de 250 congresistas de todo o mundo daranse cita entre o 11 e o 15 de marzo en Pontevedra para participar no Congreso Internacional da Camelia. Así o anunciaron esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a deputada Begoña Estévez e a presidenta da Sociedad Española de la Camelia, Carmen Salinero, na presentación da exposición de Alex Vázquez Viaje de la Camelia. De Oriente a las Rías Baixas, que servirá de disparo de saída a esta cita internacional.

Rafael Louzán, Begoña Estévez e Carmen Salinero coincidiron en destacar a relevancia que este congreso ten para Galicia e para Pontevedra, pois non só é unha ocasión magnífica para a promoción internacional da ruta da camelia senón que é unha “oportunidade única” para abrir a porta a un turismo internacional que ata o de agora non se fixara nesta comunidade.

Begoña Estévez lembrou que a 19 de febreiro formalizaron a súa inscrición 224 congresistas, e que son aínda numerosas as peticións que, desde diferentes puntos do mundo, seguen chegando a Pontevedra para participar neste evento.

Entre eles figuran 30 australianos, 25 chinos, 18 franceses, 17 italianos, 11 xaponeses ou 32 estadounidenses. Trátase, na maioría dos casos, de persoas que terán agora o seu primeiro contacto non só con Galicia e as Rías Baixas senón con Europa.

Este feito, unido á presenza de relevantes personalidades coma o gobernador da provincia china de Yunnan (de 7 millóns de habitantes), o alcalde de Dali (3 millóns de habitantes) e os representantes de Turismo de varias rexións de China, Xapón e outros países, fai que o congreso sexa “unha oportunidade única” para promover as Rías Baixas e Galicia e conseguir que os congresistas que agora visitan Pontevedra exerzan de prescriptores de Galicia como destino turístico, atraendo novos visitantes.

Rafael Louzán subliñou que, na medida en que isto se consiga e o congreso permita difundir a mellor imaxe das Rías Baixas, o congreso resultará un éxito.

“Son preto de 250 persoas que é a primeira vez que veñen a Galicia”, afirmou, e que deben levar “unha imaxe extraordinariamente positiva” desta provincia e ter a “oportunidade de coñecer que as Rías Baixas son un lugar para poder contemplar, para poder visitar”.

Por iso valorou o esforzo que a Deputación está a facer neste sentido, completando o programa do congreso con múltiples actividades, entre as que figura a citada mostra de Alex Vázquez, pero tamén, entre outras, unha serie de concertos da pianista Mine Kawasami, no marco do ano dual Xapón-España, no que tamén se enmarca este congreso.

Mostra didáctica

Polo que respecta á mostra de Alex Vázquez o propio pintor defínea como unha “exposición atípica, feita con moito cariño” e cun marcado “ton divulgativo”.

A mostra estrutúrase en 10 grandes paneis, que lle permitirán ó visitante “facer un percorrido sobre o mundo da camelia en Galicia”. Estes paneis combinan as imaxes de Alex Vázquez con textos divulgativos de Carmen Salinero sobre A camelia nas Rías Baixas, Formas de flores, os sete tipos de camelia máis frecuentes, para rematar cun panel sobre o aceite de camelia.

Estes paneis complétanse con outras obras de Alex Vázquez relacionadas co mundo da camelia, que, tal e como o propio autor subliña, esperta unha especial atracción.

Onde a camelia atopou o seu paraíso

A presentación da mostra de Alex Vázquez serviu tamén para a primeira difusión do tráiler do documental creado para o congreso, co obxectivo de potenciar e dar a coñecer o especial valor da camelia nas Rías Baixas, co título Rías Baixas, onde a camelia atopou o seu paraíso, que lles permitirá comprobar ós congresistas que esta planta “é algo que nos diferencia, que é xa un símbolo de identidade propio” de Galicia e de Pontevedra.

Así mesmo, a pianista xaponesa Mine Kawasami ofrecerá tres concertos de balde en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo, nos que presentará a Sonata samurai, composta pola propia pianista con motivo do ano dual España-Xapón.

As actuacións terán lugar o 14 de marzo no Centro Social de NovaCaixaGalicia en Pontevedra; o 15 marzo no Salón García de Vilagarcía; e o 16 no Teatro García Barbón de Vigo.

Os interesados en asistir a estes concertos poderán recoller as invitacións na Deputación de Pontevedra, tanto na capital da provincia coma na súa sede de Vigo, e no Concello de Vilagarcía de Arousa.

24 de febreiro de 2014 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.