O ‘Congreso Internacional da Camelia 2014’ traerá a Vigo mostras fotográficas, exposicións e a Sonata Samurai
Vigo acollerá algúns dos actos máis importantes desenvolvidos na provincia con motivo do ‘Congreso Internacional da Camelia 2014’, que organiza a Deputación de Pontevedra e que arrincará formalmente o próximo día 11 de marzo. Á cita acudirán 250 participantes, o 80% deles estranxeiros, chegados de 17 países de todo o mundo entre os que figuran Australia, China, Xapón, Estados Unidos, ou Bélxica. A maioría deles terán neste encontro coas Rías Baixas o seu primeiro contacto co continente europeo.
As deputadas provinciais Begoña Estévez e Marta Igrexas presentaron esta mañá na sede viguesa da Deputación o calendario de actividades, acompañadas dalgúns dos seus protagonistas, como a presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero; a fotógrafa Cristina Varela, autora da exposición ‘Mar de Camelias’; ou a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio.
Begoña Estévez destacou ademais da exposición fotográfica “Mar de Camelias” a importancia de Vigo no programa elaborado para este congreso internacional. A cidade olívica será a sede do 50 aniversario da Exposición Internacional da Camelia, unha mostra que rota anualmente entre as localidades de Vigo, Vilagarcía e Pontevedra, e que nesta singular edición albergará a contorna do pazo de Castrelos.
En Vigo terá lugar tamén o próximo día 16, no Centro Cultural Novacaixagalicia, o concerto da intérprete xaponesa Mine Kawakami, que protagonizará a Sonata Samurai, a mesma que triunfou recentemente no Teatro Real de Madrid. A entrada será gratuíta ao tratarse dun acto subvencionado entre a Deputación de Pontevedra e a Embaixada de Xapón en España. As invitacións poderán recollerse na sede viguesa da Deputación.
A autora da exposición “Mar de Camelias”, Cristina Varela, explicou que a mostra, que recolle un total de 79 fotografías de gran formato, todas elas tratadas con diferentes texturas, tenta vincular esta flor, considerada entre as máis fermosas do mundo, coa proximidade de Galicia ao mar. A presidenta da Sociedade española da Camelia, Carmen Salinero, aclarou as similitudes climáticas entre a comunidade galega e o sur de Xapón, de onde procede a famosa Camelia japónica. “En Xapón -dixo-, as camelias florecen ao mesmo bordo do mar; e en Galicia existe unha errónea crenza de que o mar afecta negativamente ao cultivo desta especie. A exposición pretende romper o falso mito e faio desde un marco ideal para contemplala, como é o Museo do Mar de Galicia.
A propia directora do museo, Marta Lucio, agradeceu á Deputación de Pontevedra esta “oportunidade de mostrarlle a visitantes de 17 países de todo o mundo as instalacións museísticas coas que contamos”.
As deputadas Begoña Estévez e Marta Igrexas agradeceron o esforzo das preto de 500 persoas que están a participar activamente na organización deste Congreso Internacional da Camelia, unha das citas anuais máis importantes do mundo para os amantes desta especie floral.
“Trátase dunha oportunidade única para mostrar o potencial turístico das Rías Baixas a turistas de nivel medio e alto chegados de todo o mundo e que poderán comprobar que Galicia e a provincia de Pontevedra son moito máis que mar, gastronomía ou paisaxe interior “, destacou Begoña Estévez.











