O condutor ebrio do vehículo que caeu á vía do tren en Lugo é imputado por un delito contra a seguridade viaria
O condutor cuxo coche se precipitou á vía do tren na noite do xoves en Lugo foi imputado por un delito contra a seguridade viaria, tras dar positivo na proba de alcoholemia.
Segundo informou a Policía Local, ás 23,35 horas do xoves un equipo de Atestados desprazouse á Avenida Infanta Elena para instruír dilixencias por un accidente de circulación acontecido ao sairse da vía un turismo e precipitarse á vía do tren cando circulaba á altura do parque da Milagrosa en sentido saída da cidade.
O turismo derrubou un anaco do valado de protección que delimita o inicio do noiro que se configura a lado da vía ferroviaria e tirou un sinal de indicación de paso de peóns.
No vehículo circulaban o condutor e unha pasaxeira, os cales resultaron ilesos. O piloto é un veciño de Outeiro de Rei de 25 anos, identificado como A.N.L., que deu positivo na proba de alcoholemia.
De feito, segundo precisa a Policía Local, o mozo deu taxas de 0,68 e 0,66 miligramos por litro de aire expirado, motivo polo que se lle imputa un suposto delito contra a seguridade viaria.
A acompañante foi identificada como unha muller de 21 anos de idade, de iniciais J.R.A., veciña de Lugo, segundo precisaron as mesmas fontes policiais.
O vehículo foi retirado da vía pola grúa do servizo de asistencia en estrada e o sinistro non tivo afección sobre o tránsito ferroviario.











