O Concurso de Disfraces de Entroido de Oroso repartirá 3.170 euros en premios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso vén de convocar o seu tradicional concurso de disfraces de Entroido, que terá lugar no polideportivo municipal de Sigüeiro na tarde do sábado 1 de marzo. As inscricións poden formalizarse no centro cultural de Sigüeiro ou no teléfono 981 690 803 (de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas) antes do venres 28 de febreiro. Tamén se admitirán anotacións o mesmo día do concurso, neste caso no pavillón polideportivo de Sigüeiro en horario de 16:30 a 17:30 horas.

Todos os participantes no concurso deberán tomar parte nun desfile de Entroido, que terá lugar ás 18:00 horas polas rúas de Sigüeiro, salvo que as condicións meteorolóxicas o impidan. Unha vez rematado o desfile, no polideportivo terá lugar o concurso de disfraces, que repartirá 3.170 euros en premios.

Como en anos anteriores, o Concello de Oroso estableceu dúas categorías: adultos e infantil (menores de 16 anos), con tres modalidades diferentes: individual, grupo e comparsa, nas que se designarán un gañador e un finalista. Deste xeito, na categoría adultos, as comparsas (mínimo 6 compoñentes) optarán a dous premios de 500 e 300 euros. Os grupos (de 2 a 5 integrantes) repartiranse dous premios de 350 e 220 euros; mentres que na modalidade individual competirán por dous premios de 250 e 180 euros. Na categoría infantil, os premios para as comparsas serán de 350 e 200 euros. Os grupos competirán por 220 e 150 euros; mentres que os individuais optarán a 180 e 120 euros.

12 de febreiro de 2014 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.