O concurso de disfraces de Cambados celébrase o domingo e o desfile de carrozas pasa ao martes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

As previsións meteorolóxicas, que vaticinan choivas para varias xornadas do Entroido, forzan un troco importante nas datas desta tradicional celebración. O desfile de carrozas e comparsas, previsto para o domingo, trasládase ó martes de carnaval, mentres que o concurso de disfraces vaise celebrar este domingo no salón José Peña. A expectación pre carnavaleira xa se fai notar, como o demostra o dato de que se cubriu o cupo de 10 equipos, e xa hai lista de espera, para competir no concurso de filloas que se celebrará o luns de entroido, con premios para as máis apetitosas e para quen cociñe maior cantidade  en 30 minutos.

A celebración arranca mañá sábado, 1 de marzo, cunha gran festa infantil que tamén se trasalada, por mor das previsións meteorolóxicas, ao salón José Peña, a partir das 16.30 horas, con xogos musicais, inchables e obradoiros de maquillaxe e globoflexia.

Os grupos implicados na celebración traballan para ter a punto os traxes, disfraces, complementos, así como as respectivas plataformas engalanadas que lles permitirán estar presentes na festa máis extravagante do calendario anual.

O concurso de disfraces do domingo contará coa animación do showman Pepo Suevos e música de D´js no salón José Peña. Poderán participar todas as persoas ou colectivos que o desexen e deberán desfilar pola pasarela instalada no salón. O concurso de disfraces nas categorías de infantil e adultos conta con premios ó mellor disfraz individual de 100€, parella 150€ e grupo 250€.

Para optar ós premios, o martes de Carnaval, as carrozas deberán desfilar na orde establecida de antemán dende as 17.00 horas, polo percorrido que parte da escalinata de San Tomé e que segue por avenida de Galicia, praza do Concello, avenida de Vilariño, avenida de Madrid, praza de Fefiñáns, avenida da Coruña, Ribeira de Fefiñáns, paseo da Calzada e remata de volta na praza do Concello. Irá acompañado pola música da charanga Os Jaláticos e polo grupo de batucada Omar Percussion. O xurado deberá ter en conta a orixinalidade do deseño, laboriosidade e creatividade. O xurado outorgará premios de 500 euros á mellor carroza, 400€ á segunda e 300€ á terceira (Haberá gratificacións para as carrozas, comparsas e maquetas pola súa participación).

O 3 de marzo, luns de Entroido, vaise celebrar (no salón José Peña a partir das 16.30 horas) o baile infantil con animación e premios de ata 150 euros para os mellores disfraces nas categorías individual, parella e grupo. As 17.30 horas comezará o concurso de filloas que contará con premios para as habelenzas das mellores reposteiras ou reposteiros (100€ para as máis sabrosas e 100€ para o maior número de filloas elaboradas en 30 minutos, e 50€ por participar).

Enterro da Sardiña

O mércores de Cinza procederáse ó tradicional enterro da Sardiña, travestida nun personaxe de actualidade que esta vez será a temible Cicloxénese Explosiva. Ás 18.30 horas haberá degustación de doces típicos de Entroido elaborados pola asociación de Amas de Casa Albariño. Ás 19 horas, lectura do sermón e marcha funesta dende a praza do Concello ata a praia de San Tomé para enterrar a Cicloxénese. Ó sepelio convócase ás forzas vivas, viuvas e viuvos alegres, carpideiras, boys, gogós e todos os que a queiran despedir. As marchas fúnebres serán divertidas e irreverentes.

28 de febreiro de 2014 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.