O Concello do Carballiño solicitará no pleno do próximo xoves a reversión do Centro Comarcal
O concello do Carballiño levará a pleno a próxima semana, en concreto o vindeiro xoves 20 de febreiro, unha moción para solicitar á Xunta de Galicia a reversión do centro comarcal, situado na zona do Cornuval, e para que desta forma pase a ser propiedade municipal. Neste sentido o luns 17 de febreiro, o alcalde do Carballiño xunto con responsables da Xunta de Galicia visitarán estas instalacións, para coñecer o seu estado actual.
O obxectivo do actual grupo de goberno é, unha vez realícese a reversión do edificio, buscarlle unha utilidade municipal, e comezar a programar os seus espazos para darlle un mellor e maior uso. A falta de locais municipais impedía, en numerosas ocasións, a realización dalgunhas actividades, así como a apertura de novas fórmulas para ofrecer espazos que solicitaban os veciños e os colectivos. Con esta reversión moitos destes problemas resolveríanse, e ofrecería un amplo abanico de posibilidades para a actividade municipal do Carballiño.
Cabe destacar que o Centro Comarcal do Carballiño conta con numerosas salas para a relización de cursos, conferencias, reunións, así como espazos para exposicións. A pesar de atoparse na zona do Cornuval, ao pé da estrada nacional 541, conta con boa comunicación desde o centro da vila, e ofrece unha gran zona de aparcadoiro, co que amplía as posibilidades á hora de organizar eventos no mesmo.











