O Concello de Vilagarcía convoca unha maratón fotográfica con motivo do Día Internacional da Muller
A Área de Igualdade – Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Vilagarcía, que dirixe Ángeles Rodríguez, vén de convocar, por sexto ano consecutivo, a Maratón Fotográfica do Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo. O prazo de inscrición ábrese mañá, venres 7, e permanecerá aberto ata o 28 de febreiro. A maratón se celebrará o mesmo día 8, que este ano coincide en sábado. Tanto as bases como o formulario de inscrición poden ser consultados e baixados na web municipal, www.vilagarcia.es (taboleiro de anuncios).
Como vén sendo habitual, o obxecto da competición fotográfica é reflectir a igualdade de xénero con relación ao mundo do traballo. Para iso, os participantes terán que presentar as súas propostas con relación a tres temas que as técnicas da Área de Igualdade lles darán a coñecer o mesmo día 8 de marzo e nos sucesivos controis. Con todo o material, o Concello organizará unha exposición na que tamén se darán a coñecer os traballos gañadores.
Os participantes só poden ser afeccionados, non profesionais da fotografía. A inscrición pode realizarse persoalmente na Área de Igualdade, nos baixos da Casa Consistorial, ou ben por correo electrónico (muller@vilagarcia.es) ou mesmo fax (986 512 226).
O xeito de participar será con cámaras dixitais, as fotos entregaranse en arquivo JPEG e tamaño mínimo de 20×30 cm., e resolución de 300 ppp. Ao remate da Maratón se lle entregará a cada participante un soporte dixital onde gardarán as fotos a concurso para o que se lles facilitará o acceso a ordenadores. Logo disto, o soporte será introducido por cada un/unha dos/das participantes nun sobre pechado no que deberá figurar o número de identificación que se lles asignou ao comezo da Maratón.
A saída será ás 10,30 horas do día 08 de marzo na Casa de Cultura de Carril.
Neste intre elixiranse os tres temas obxecto das fotografías, entre varios sobres pechados con distintas propostas e entregaráselles aos participantes o seu número de identificación que deben ter con eles durante toda a proba. O seguinte control será na Casa de Cultura de Vilaxoan ás 13,30. O final será entre as 18:30 e 19:00 horas no auditorio de Vilagarcía.
Haberá tres premios, un por cada un dos temas propostos, cunha contía de 200 euros por cada un.











