O Concello de Vilagarcía convoca á mesa local de comercio para informar de subvencións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello convocou á Mesa Local de Comercio co obxectivo de analizar e informar os proxectos para os que os colectivos do sector solicitarán subvencións á administración autonómica. A reunión será o luns a mediodía e nela tamén se poderán abordar outros aspectos de interese para o sector.

O órgano no que están representados comerciantes e usuarios da localidade abordará as diferentes liñas de financiamento convocadas pola administración autonómica ás que poden recorrer en cada caso. A priori, os asuntos incluídos na orde do día son o informe das propostas de subvencións realizadas por Zona Aberta e a asociación de Praceiros ao abeiro da resolución da Consellería de Economía e Industria pola que se establecen as subvencións para os centros comerciais abertos e as prazas de abastos para o ano 2014. A solicitude das subvencións precisa de informe favorable da Mesa Local de Comercio, trámite que se cumprimentará na reunión do luns.

A Mesa estará presidida polo alcalde, Tomás Fole, e asistirán como vogais os representantes do Centro Comercial Aberto Zona Aberta,da asociación de praceiros da Praza de Abastos, do Centro Comercial Arousa, e da Asociación de Consumidoras e Amas de Casa o Noso Lar. Pola parte política, asistirán tamén como vogais, o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Tarrío, e os representantes de PSOE e BNG, así como un representante da Consellería de Industria e Comercio.

Órgano consultivo

A Mesa Local de Comercio de Vilagarcía creouse en 2012 como un órgano sectorial de carácter consultivo promovido polo Concello. De igual xeito que os demais órganos sectoriais creados no Concello -como o Consello Local das Persoas Maiores, ou o Consello da Mocidade-, a Mesa Local de Comercio actúa como un órgano colexiado de participación, coordinación cooperación e colaboración entre a Administración Local e os axentes representativos do sector comercial. Entre as súas funcións figuran o coñecemento e emisión de informes sobre os proxectos de disposicións de carácter xeral que afecten ao sector comercial; propor o establecemento de relacións e colaboracións con outras Administracións e ou/institucións; analizar a situación do comercio e os plans de dinamización comercial; propor medidas e iniciativas que se consideren convenientes para o desenvolvemento e avance do sector comercial e opinar sobre actuacións que afecten ao urbanismo comercial.

4 de febreiro de 2014 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.