O Concello de Vigo comezará os trámites para presentar un conflito contra a lei de reforma local
O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns, cos votos favorables do PSOE e o BNG (e o voto en contra do PP), unha proposta do alcalde, o socialista Abel Caballero, e unha moción do BNG, nas que se formula iniciar os trámites para interpoñer un conflito en defensa da autonomía local, contra a Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local.
Así, o Concello iniciará os trámites para solicitar ditame do Consello de Estado, a través do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. A partir de aí, o pleno tamén aprobou facultar alcalde para realizar eses trámites, así como para outorgar escritura de poder a unha procuradora de Madrid que, en representación do Concello vigués, interporá ese conflito.
Ademais destas actuacións, propostas por Cabaleiro e incluídas nunha moción do BNG, socialistas e nacionalistas deron luz verde a un acordo (por proposta do Bloque) para “demandar o inicio dun proceso de reforma constitucional sobre o modelo de organización provincial e local do Estado”.
Nese acordo establécese que os criterios para reorganizar o modelo territorial deben ter en conta que “as estruturas territoriais básicas serán os municipios e as comunidades autónomas” e, por outro lado, que hai que “acometer o proceso de extinción das deputacións provinciais de réxime común”.











