O Concello de Verín elabora un Plan de Autoprotección para o Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Co obxecto de seguir coa liña en materia de seguridade e autoprotección, que se está a desenvolver nos últimos anos, a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín elaborou, por segundo ano consecutivo, un Plan de Autoprotección para o Entroido, destinado a organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para que tanto os veciños/as como os/as visitantes poidan desfrutar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física.

Devandito plan reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e os protocolos de actuación a seguir, no caso necesario, para garantir a seguridade do público e dos profesionais que desempeñan a súa labor nas diferentes actividades que forman parte do Entroido de Verín. Aínda que a lexislación vixente en materia de Protección Civil e Autoprotección non obriga á realización dun plan destas características para eventos ao aire libre cunha afluencia menor a 20.000 persoas, dende a Área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín considérase necesario a redacción e posta en marcha de dito plan, que contempla ás seguintes medidas:

Reforzo dos equipos dos grupos de emerxencia, tanto de axuda interna (Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de Lobios, Cruz Vermella de Monterrei, Policía Local de Verín, Guardia Civil, Guardia Civil de Tráfico e Axencia Galega de Emerxencias), coma externa (Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín e 061).

Posta en marcha dos seguintes grandes dispositivos de seguridade:

a) Desfile Infantil: o tráfico rodado do centro da vila estará controlado e regulado en todo momento, para evitar que vehículos de grandes dimensións e/ou de mercadorías perigosas queden atrapados no transcurso do desfile, co obxectivo de evitar riscos e de garantir o acceso a calquera parte do desfile e da localidade aos diferentes grupos de emerxencia no caso de ser necesaria a súa intervención.

b) Desfiles do Domingo e Martes de Entroido: o dispositivo é similar a anos anteriores. Como novidade, informarase a aquelas carrozas participantes nos desfiles que non queiran chegar ata ó final do percorrido (praza da Alameda) que teñen a única opción de facelo a través da ponte da N-525 que comunica co barrio de San Lázaro, co fin de evitar o colapso de rúas que serven de entrada a vehículos de emerxencia á zona do desfile.

c) Xoves de Comadres: este dispositivo contará ca participación de Policía Local de Verín, Guardia Civil, Guardia Civil de Tráfico, Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de Lobios e Cruz Vermella de Monterrei. Devanditos equipos estarán coordinados dende o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias que estará situado na praza García Barbón e que conta cunequipo de videograbación de seguridade. Haberá dous postos sanitarios e dúas ambulancias no caso de ser necesarios a súa participación.

Como parte da implantación do Plan de autoprotección do Entroido de Verín 2014 realizouse un programa de información xeral ó público que consta das seguintes actividades preventivas:

a) Charlas informativas a rapaces/zas dos centros educativos da vila, con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos sobre o consumo de drogas, primeiros auxilios e comportamentos de masas en grandes eventos.

b) No tríptico e no libro do Entroido que se reparte entre os veciños/as e visitantes incluíronse consellos de seguridade a seguir no caso dunha emerxencia, así como o plano coas vías de evacuación da praza García Barbón.

c) Instalación na praza García Barbón de carteis informativos cas súas vías de evacuación.

Plan de Mobilidade: Dentro do plan de autoprotección inclúese como novidade un plan de mobilidade. Este plan aborda aspectos como o medio ambiente, seguridade viaria, usos de vehículos privados, transporte público, uso do espazo público, características socio-económicas e concienciación.

Debido ao incremento de persoas e de vehículos nos días centrais do Entroido inténtase desenvolver unha folla de ruta que logre unha mobilidade sostible para mellorar a calidade de vida no medio urbano.  O aumento da seguridade vial, diminución da contaminación e do tráfico son algúns dos obxectivos que ten devandito plan. Para conseguilo, o Concello de Verín recomenda aos/ás veciños/as así como aos/ás visitantes que intenten reducir a utilización do vehículo privado e accedan ó centro da vila a pé.

Por outro lado, informouse ás principais empresas de transporte de mercadorías que, dende o día 27 de febreiro ata o 4 de marzo (ambos inclusive), os vehículos de máis de 3.5 toneladas teñen a súa disposición unha ruta alternativa que funcionará coma unha circunvalación que conecte a parte norte, este e sur da vila para evitar o seu paso polo centro de Verín. Esta ruta estará indicada con sinalización vertical ó longo de todo o percorrido, así coma nos paneis informativos que a Dirección General de Tráfico ten na A-52. É necesario resaltar que dita ruta é unha recomendación e non unha obrigación.

17 de febreiro de 2014 | 13:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.