O Concello de Tomiño inicia as obras de reforma e ampliación do Auditorio para a Escola de Música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

O Concello de Tomiño iniciará este luns as obras de reforma e ampliación do Auditorio de Goián, co propósito de dotar á Escola de Música da Agrupación Musical de Goián (AMG) dunhas instalacións axeitadas ás súas necesidades.

Este mediodía tivo lugar unha reunión previa ao inicio das obras con membros da directiva da Agrupación Musical de Goián, representada polo seu vicepresidente, Andrés Álvarez; o director da banda de música, José Bugallo, e o tesoureiro, Carlos González. En representación do Concello de Tomiño, estivo presente a alcaldesa, Sandra González, acompañada polo tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Facenda, Uxío Benítez.

Asemade, atopábanse os arquitectos autores do proxecto, Perfecto Cendón e Javier Vázquez, que explicaron en detalle as obras a realizar nas distintas fases da intervención.

Segundo as súas indicacións, o proxecto contempla, tanto a racionalización dos espazos xa existentes, coma a ampliación doutros. Así, figuran obras coma a mellora da accesibilidade ao edificio; creación dunha entrada exclusiva para a escola de música, ampliación do vestíbulo de entrada, etc.

Nunha primeira fase, procederase ao acondicionamento de espacios comúns para a creación dunha sala principal de ensaios e á construción de novos aseos para a xente que asiste a espectáculos.

Asemade, urbanizaranse a contorna inmediata, coa modificación das actuais escaleiras, creando un novo acceso e unha nova rampla para minusválidos. Ademais, realizarase un acondicionamento acústico das instalacións co fin de mellorar as condicións do son dos instrumentos.

Nunha segunda fase, crearase unha fonoteca-biblioteca, unha secretaría, unha nova aula e un acceso exclusivo para a escola de música.

“Esta actuación ten coma obxectivo dotar aos compoñentes da Agrupación Musical de Goián, dunhas instalacións axeitadas para o seu funcionamento coma Escola de Música, independente do auditorio. Este colectivo leva moitos anos funcionando impartindo clases a máis de cen nenos e nenas do municipio e merece, polo tanto, dispor dunhas instalacións dignas”, explicou a alcaldesa, Sandra González.

Pola súa banda, tanto o director da AMG, José Bugallo, coma o vicepresidente, profesor de música e compositor, Andrés Álvarez, manifestaron a súa satisfacción polo proxecto de reforma e ampliación, que permitirá mellorar as condicións de traballo da agrupación, e cumprir ademais cos requisitos para a creación, en breve, dunha escola oficial de música. “Esta é unha obra pola que vimos agardando dende hai máis de 10 anos”, afirmou Andrés Álvarez, quen explicou que os ensaios fanse na actualidade nos espazos dispoñibles, incluídos cafetería, sala de fotocopias ou, incluso, cuartos de baño.

Estas obras constitúen a primeira e segunda fase do proxecto, con cargo a dúas partidas orzamentarias de 150.000 euros cada unha (2013 e 2014), procedentes de fondos propios do Concello, xa que aínda que a alcaldesa mantivo varias reunións co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e co presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, co obxectivo de conseguir o seu apoio económico, non se produciu ningunha achega ata o momento. Pola mesma razón, a rexedora solicitou nestas semanas, unha nova xuntanza, co fin de obter un compromiso por parte destes organismos, que permita rematar o proxecto de reforma do edificio.

1 de febreiro de 2014 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.