O Concello de Tomiño continúa as obras de urbanización e apertura dunha nova rúa no Seixo
Continúan as obras de humanización e urbanización e apertura dunha nova rúa no núcleo urbano do Seixo, en Tomiño.
A intervención, denominada “Área de Reparto Nº 2” e prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tomiño(PXOM), supón a urbanización dunha superficie superior aos 6000 m2 e a apertura dunha nova rúa que comunicará dúas das zonas principais do casco urbano, co que os máis de 1200 veciños do Seixo, verán mellorada a estrutura do núcleo máis céntrico.
Asemade, crearase unha nova praza pública de 500 m2, unha parcela para equipamentos; un aparcadoiro de máis de 50 prazas e unha zona verde de 1700 m2.
A urbanización, cun custe de 230.000 euros, foi asumida polo Concello que, coma contrapartida, adquirirá un solar que pasará a incorporarse ao Patrimonio Municipal do Solo do Concello de Tomiño. “Esta actuación non é illada; é planificada no marco da transformación do casco urbano de Tomiño, polo que este equipo de goberno aposta”, explicou Uxío Benítez, concelleiro de Urbanismo e Facenda.
O edil cre que este é un proxecto estratéxico que servirá para que o núcleo do Seixo siga medrando dun xeito ordenado e con maior calidade de vida, ademais de contribuír a desconxestionar o tráfico na zona céntrica.
Neste sentido, o proxecto inclúe a apertura dunha nova rúa de 16 m. de sección, con dobre sentido de circulación que, dándolle continuidade á rúa do Rosal, unirá a rúa Colón co Camiño do Alivio, eixo central da ordenación sobre o que se articulan os espazos públicos e as dotacións previstas.
Asemade, o Concello decidiu ampliar a área de actuación a rúas da contorna, co fin de uniformizar o pavimento das mesmas e contribuír deste xeito á humanización da zona.
A finalización das obras, prevista inicialmente para este mes, sofren algún atraso por mor das malas condicións climatolóxicas.











