O Concello de Teo recibe o estudo para a posta en marcha das liñas interiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo recibiu en días pasados un informe sobre a explotación das liñas SIMUS STEO3 e STEO4 por parte da Dirección Xeral de Transportes. Esta mañá o edil de Transportes, Anxo Rei, mantiña unha xuntanza na Dirección Xeral de Transportes da que sae un calendario que prevé a posta en funcionamento destas liñas no outono deste ano.

Dende o goberno municipal agárdase “que este compromiso non se convirta nunha nova frustración para o Concello e para os usuarios/as do transporte”. Recentemente a Xunta ten modificado unilateralmente o convenio do Transporte Metropolitano en contra do criterio do Concello de Teo por exemplo. Neste caso das liñas interiores trátase de servizos que o Teo propuxo incluír no convenio asinado xa no 2010. O edil de Transportes, Anxo Rei, entende que se trata dunha “proposta ambiciosa para reducir as diferencias existentes en materia de mobilidade dos teenses en función do seu lugar de residencia”. Estes servicios teñen un coste que asume o Concello de Teo detraéndose do total o gasto que pague o viaxeiro.

Despois de anos de espera a Xunta presenta a posibilidade de poñer a funcionar estes servizos este ano. O edil de Transportes especificou na reunión desta mañá que para o comezo das liñas interiores debe estar rematada a harmonización dos corredores xa que no tería sentido achegar a viaxeiros aos corredores principais e que alí non tiveran unhas frecuencias de viaxe adecuadas.

Dende o Concello mantéñense as reservas sobre o compromiso da Xunta mais seguirase traballando para que estes servizos poidan estar funcionando no outono deste ano 2014.

O Concello de Teo propón a creación das liñas interiores STEO3 e STEO4, que son liñas circulares que unirán núcleos máis rurais cos corredores da AC-841 e da N-550, cunha maior frecuencia de viaxes a Santiago.

O SIM STEO3 será un circular Cacheiras-Cacheiras por Casal de Reis. Este servizo atenderá as necesidades de transporte dun total de 30 núcleos (Teo ten 140 núcleos). A poboación beneficiaria deste circular é de 5.932 habitantes (34,68% do total do Concello). Está previsto que teña unha frecuencia de xiro dunha hora con 14 expedicións diarias de luns a venres. O STEO3 pasa por Cacheiras-Sisto-Constela-Pedrouso-Casaldomiro-Vilanova-Mazas-Solláns-Carballal-Galanas-Casalonga- Texexe-Mouromorto-Cantoña-Trasellas-Bouñou-Fornelos-Rarís-Casal de Reis-Outeiro-A Florida-A Ramallosa-Lucí-Paredes-Cachóns-Ribas-Cepeda-Castres-Os Verxeles-Sebe-Cacheiras.

O SIM STEO4 Cacheiras-Cacheiras por Cornide dará servizo a 29 núcleos cunha poboación de 5.873 habitantes (34,34% do Concello). O servizo tamén sería de luns a venres cunha frecuencia de xiro dunha hora e catorce frecuencias. Este autobús funcionaría de 07:30 a 21:30 horas. O STEO4 pasa por Cacheiras-A Devesa-Raxó-Penelas-A Torre-Castres-Os Verxeles-Chaves-A Ramallosa-Sestelo-Caxade-Aido-Nespereira-Paraxó-Espasande-Cornide-Casalonga-Galanas-Carballal-Solláns-Guldrís-Pedrouso-Casaldomiro-Casal-Vilanova-Tarrío-Pedra-Sebe-Cacheiras.

 Estas dúas liñas circulares conectarán con catro puntos chamados paradas-colectores establecidas en Casalonga e As Galanas (N-550) e Ramallosa e Cacheiras (AC-841). Estes colectores darán saída ao fluxo interno cara a cabeceira da comarca, Santiago. Cabe destacar tamén que as dúas liñas STEO3 e 4 terán unha parada na Ramallosa, na que está a Casa do Concello e punto de interese administrativo. O goberno municipal agarda con interese que estes servizos sexan unha realidade xa que se daría un salto cualitativo na mellora do transporte ademais de servir de elemento vertebrador do Concello. Cada unha das liñas darían servizo de luns a venres con sete frecuencias de ida e sete de volta dende as 07:30 ás 21:30 horas.

28 de febreiro de 2014 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.