O Concello de Santiago recomenda precaución ante a alerta por vento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Ante a alerta emitida pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior por un episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos para Galicia, o Concello de Santiago prega aos cidadáns extremen as precaucións na xornada de hoxe martes, 4 de febreiro. O Concello ten activados todos os seus servizos de emerxencias, coa participación de Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Brigada de Vías e Obras e as concesionarias Aquagest e Urbaser. A Axencia Estatal de Meteoroloxía informa dun fenómeno meteorolóxico adverso por vento de nivel laranxa, risco importante, que poderá alcanzar os 100 quilómetros no interior e suroeste da Coruña e sobrepasar os 110 no noroeste e oeste da provincia a partir das 9:00 horas.

A Dirección Xeral de Emerxencias recomenda á cidadanía:

– Retirar todos os obxectos que poidan caer á rua desde tellados, balcóns e fiestras, así como pechar e asegurar ben as portas, fiestras e persianas.

– Camiñar preto da fachadas dos edificios e vixiar a posible caída de obxectos.

– Evitar pasar preto de edificios ruinosos, árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poida derrubar o vento.

– En caso de ter que usar o vehículo informarse antes do estado das estradas e circular con precaución, especialmente nos adiantamentos de autobuses e camións, polo forte impacto do vento que se xera.

– Non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade (bicicletas, ciclomotores)

– En caso de ter que deixar o vehículo na rúa, aparcalo nun lugar protexido do vento e ben inmobilizado

– Ante calquera emerxencia chamar ao 112

Teléfonos de interese: Bombeiros (080) e Policía Local (092).

4 de febreiro de 2014 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.