O Concello de Santiago encargará unha auditoría polo “intento de cobramento” de servizos non prestados por Aquagest

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
E.P.

O Concello de Santiago encargou unha auditoría que aclare se a empresa concesionaria do servizo de augas, Aquagest, cobrou facturas de servizos non prestados.

En rolda de prensa celebrada este venres, as concelleiras María Pardo e Cecilia Sierra informaron do encargo dunha auditoría co fin de aclarar “o intento de cobramento de facturas por 400.000 euros pola empresa concesionaria do servizo de augas por servizos non prestados, relacionadas co gasto de electricidade de catro depuradoras que non estaban en funcionamento”.

No seu momento, Gerardo Conde Roa (PP) ao chegar á Alcaldía de Santiago de Compostela en 2011 encargou unha auditoría para analizar todos os gastos dos últimos anos de Goberno bipartito, que tiña a Xosé Sánchez Bugallo á fronte.

OBRAS

Noutra orde de cousas, nesta rolda de prensa, a concelleira de Urbanismo, María Pardo, informou de que se reuniu coas asociacións de veciños Aqualume (Galeras) e Río Sarela (San Lourenzo) para falar da glorieta proxectada na rúa de Galeras.

Así, Pardo explicou que trasladou aos veciños que as obras “non supoñen modificación do plan, que se trata dunha zona libre e non verde e que non require o paso polo Pleno”. A este respecto, defendeu que o proxecto se manterá porque “é beneficioso para o conxunto da cidade e para a zona de Galeras en particular”.

Ademais, María Pardo anunciou que o seu departamento acometerá nos próximos meses a reurbanización da rúa Quiroga Palacios, e xa se reuniu con asociacións veciñais que coinciden en que “é mellor unha boa execución da obra que a rematar mal anticipadamente”.

14 de febreiro de 2014 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.