O Concello de Pontevedra rexistrou máis de 120 preinscricións nos cursos Celga nos 8 días de prazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Concello de Pontevedra vén de rematar o prazo de preinscrición para realizar os cursos de galego Celga, organizados pola Xunta de Galicia. No exíguo prazo de oito días ofrecido pola Xunta de Galicia para solicitar a formación en Celga para o ano 2014, o Rexistro Xeral do Condello recolleu un total de 124 solicitudes para participar nos cursos que preparan os exames polos que se obtén o certificado de lingua galega nos niveis 1, 2, 3 e 4.

Seguindo as indicacións da Xunta de Galicia – Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), recibidas o 12 de febreiro, o Concello abriu un prazo de preinscrición en cursos de lingua galega (CELGA) o pasado 13 de febreiro, co fin de recoller a demanda existente e trasladarlla á Xunta hoxe. O prazo marcado pola Xunta obrigou ao Concello a ofrecer só 8 días hábiles de matrícula para solicitar os cursos.

O número de solicitudes de preinscrición recollidas no Rexistro Xeral do Concello para cada curso CELGA son as seguintes:

• CELGA 1: 18 preinscricións (8 para a quenda de mañá e 10 para a de tarde-noite)

• CELGA 2: 22 preinscricións (10 para a quenda de mañá e 12 para a de tarde-noite)

• CELGA 3: 26 preinscricións (13 para a quenda de mañá e outras 13 para a de tarde-noite)

• CELGA 4: 58 preincricións (33 para a quenda de mañá e 25 para a de noite)

O Servizo de Normalización Lingüística vén de enviarlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística as listaxes organizadas por curso e quenda, e mais as 124 solicitudes presentadas no Rexistro do Concello ata o pasado sábado 22.

Nos seguintes días a Xunta organizará o número, lugar e calendario definitivo de cursos que se van realizar en toda Galicia. Unha vez pechado o calendario definitivo dos cursos, este publicarase na web da SXPL www.xunta.es/linguagalega e as persoas interesadas deberán formalizar a matrícula. A SXPL indicaba no anuncio enviado aos concellos que os cursos que se convoquen terán lugar durante os meses de abril e maio.

Para obter máis información todos/as os/as interesados/as poden poñerse en contacto co Gabinete de Normalización Lingüística de Pontevedra (Xunta de Galicia), nos teléfonos 986 805 956 e 986 805 957 ou co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra a través do número de teléfono 986 863 157.

24 de febreiro de 2014 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.