O Concello de Ponte Caldelas prevé un investimento de 1.158.000 euros para o exercicio de 2014
A Comisión Informativa ditaminou favorablemente, coa abstención da oposición, os orzamentos do 2014 que serán sometidos a aprobación do pleno da corporación que terá lugar o xoves 6 de febreiro e que ascenden a un total de 3.196.959,92 euros.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, prevé un investimento de 1.158.000 euros para o presente exercicio no rural do municipio froito das xestións que realizou ante a administración provincial e autonómica que permitirán, a pesar da limitación orzamentaria, afrontar obras de saneamento, mellora de parques públicos, viarios e eficiencia enerxética na iluminación.
No orzamento deste ano, que se someterá a aprobación da Corporación Municipal no Pleno, que se celebrará o xoves 6 de febreiro, adaptáronse as partidas de gastos para manter os servizos básicos municipais, e será un ano en que os investimentos se financiarán a través dos plans de obras e subvencións doutras administracións.
Así, a través do Plan de Investimentos da Deputación vaise a executar un plan de actuacións, xa aprobado, en materia de saneamento rural por importe de 260.000 euros para o municipio, como son novas fases do saneamento en Baltar, Taboadelo e Buchabade, ademais doutras en materia de mellora de viarias, parques públicos e eficiencia enerxética na iluminación pública.
Ademais está en marcha tamén outro investimento por parte de Augas de Galicia no saneamento integral do núcleo da Reigosa cun investimento de 700.000 euros que tomará forma definitiva no transcurso do presente exercicio.
Finalmente, prevese un plan de investimentos propio, do Concello de Ponte Caldelas, de 198.000 euros, dos cales 141.000 euros financiaríanse cunha operación de crédito ou con remanentes. Estes fondos destinaríanse principalmente a cofinanciar esas actuacións para as que se obteña subvención da Xunta de Galicia.
Estas últimas actuacións descritas dedicaranse principalmente a investimentos en parques públicos, mellora de viarias e eficiencia enerxética na iluminación pública.
Co peche do exercicio 2013, confírmase a solvencia económica do Concello de Ponte Caldelas rebaixándose así o seu nivel de endebedamento ao 41% dos recursos ordinarios, lonxe do límite do 75% que fixa o Estado, a través do Ministerio de Facenda.
De feito, o Plan de Investimentos do Concello para este exercicio está previsto mediante unha operación de crédito de 141.000 euros coa Caixa de Anticipos da Deputación aínda que a intención do alcalde é tentar financiar eses investimentos a través do remanente líquido de tesouraría, unha vez aprobada a liquidación do exercicio 2013 que arroxa un aforro neto positivo e un remanente de tesouraría para gastos xerais de 182.692 euros.
No entanto, a lexislación estatal é moi restritiva coa utilización do remanente, polo que haberá que esperar a que se desenvolva a lei para saber si poderase utilizarse para investimento ou non.
DEDICACIÓN EXCLUSIVA ALCALDÍA
En canto á dedicación exclusiva do alcalde, Perfecto Rodríguez decidiu axustala á táboa salarial aprobada recentemente polo Consello de Ministros e que para concellos entre 5.000 e 10.000 habitantes, como é o caso de Ponte Caldelas, fíxase en 45.000 € brutos anuais.
A pesar de que o Concello de Ponte Caldelas non estaba obrigado a aplicar esta táboa até xuño do 2015, por cumprir os requisitos de estabilidade orzamentaria, aforro neto positivo e prazo de pago a provedores, o alcalde decidiu aplicalo desde xaneiro deste ano, e así figura xa no novo orzamento e na nómina cobrada xa en xaneiro. A rebaixa supón unha redución de 3.000 € brutos ao ano.
Hai que ter tamén en conta que a nova Lei da Reforma Local permitiría en Ponte Caldelas que houbese 3 dedicacións exclusivas, con todo mantense unicamente a do alcalde.











