O Concello de Poio anuncia a programación do Día Internacional da Muller
A Concellaría de Igualdade do Concello de Poio presentou a programación de actos ao redor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A conmemoración ten como obxectivo a consecución da igualdade real do home e da muller en todos os eidos, mais este ano incidirá especialmente no revés sufrido no camiño cara a equiparación dos xéneros coa aprobación por parte do Partido Popular no goberno do estado do “Anteproxecto da Lei Orgánica de Protección dos Dereitos do Concebido e da Muller Embarazada”, un grave retroceso no tocante á consideración da muller como cidadá de pleno dereito e por tanto con capacidade de decidir sobre o seu propio corpo.
No pleno de febreiro aprobarase a moción sobre o 8 de marzo, presentada e aprobada polo grupo municipal do BNG na comisión de cultura.
O 7 de marzo ás 12 da mañá parón diante do Concello e lectura do manifesto, ás 17:30 h. na praza de Chousa en Combarro teremos teatro de rúa con unha performance polo Dereito das Mulleres a Decidir Sobre o seu Corpo. Ás 20:15 no Casal de Ferreirós celébrase a entrega de premios do II Concurso de Curtas pola Igualdade.
Este ano preséntase unha nova edición do concurso “Curtas pola Igualdade”, un certame de curtametraxes que na súa 2ª edición engade unha nova categoría para idades entre 13 e 18 anos, cun premio de 200 €. A categoría para maiores de 18 anos ten un premio de 400 €. As curtas proxectaranse no transcurso do acto de entrega de premios que se celebrará o venres 7 no Casal de Ferreirós. Para consultar as bases e máis información: CENTRO DE INFORMACIÓN ÁS MULLERES DO CONCELLO DE POIO Teléfono: 986.87.42.38, no correo-e: igualdade@concellopoio.org, facebook.com/cim.poio, e na web municipal www.concellodepoio.es.
O 12 de marzo ás 12 h. celébrase a mesa local de violencia, e ás 20 h. terá lugar unha sesión extraordinaria do Consello Municipal da Muller.
En canto a actividades previstas para o segundo trimestre do ano por parte do Cim:
Segue a actividade de Pilates, catro grupos os martes e xoves na Casa Rosa, de 9.30 a 10.15, de 19.30 a 20.15, de 20.15 a 21.00 e de 21.00 a 21.45. O custo é de 20 euros/mes e hai prazas dispoñibles.
Previstos tres obradoiros sobre reparacións domésticas, o primeiro de fontanería, o segundo de electricidade e o terceiro de mecánica do automóbil. Os días serían mércores e venres de 7.30 a 21.00 horas. Custo de 30 euros o mes. Cada obradoiro sería dun mes, comezando o mes de marzo.
Vai realizarse tamén un obradoiro de autoestima para mulleres, para un grupo de 15 mulleres no mes de abril e maio, de 12 horas de duración, cunha temporalización dunha hora e media á semana subvencionado polo Concello
PROGRAMACIÓN DO 8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
II Concurso “Curtas pola Igualdade” convocado pola Concellaría de Igualdade do Concello de Poio”. Prazo de presentación ata o 3 de marzo.
VENRES 7 DE MARZO
12 H. Parón diante do Concello e lectura do Manifesto.
17:30 h. Praza de Chousa, Combarro: Performance polo Dereito das Mulleres a Decidir Sobre o seu Corpo.
20:15 h. Casal de Ferreirós: Proxección e entrega de premios II Concurso “Curtametraxes pola igualdade”.
VENRES 14 DE MARZO
20:15 H. Casal de Ferreirós: Charla-coloquio “O aborto a debate” . Interveñen: Felisa Balboa (psicóloga do CIM de Vigo), Vitoria Iglesias (representante da Marcha Mundial das Mulleres), Míriam Viñas Falcón (representante da Plataforma Galega Polo Dereito a Decidir). Moderan: técnicas do CIM de Poio.











