O Concello de Ourense saca a concurso o servizo de teleasistencia con atención gratuíta permanente a 250 maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión desta mañá o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de teleasistencia domiciliaria, que presta atención permanente e gratuíta a máis de 240 persoas maiores que viven na cidade. Un servizo que na actualidade financia integramente o Concello, que destinará a esta finalidade 60.000 euros anuais.

A teleasistencia domiciliaria é un servizo de atención telefónica ininterrumpida a persoas maiores que viven soas nos seus fogares, dotado cun equipamento de comunicacións e informática específicos. O sistema consta dunha unidade de alarma que leva o usuario ou usuaria, un terminal telefónico e unha central informatizada, receptora de chamadas, situada no centro de atención.

O servizo ten como finalidade proporcionar unha resposta rápida de xeito que, o usuario ou usuaria, con tan só premer un botón, poda poñerse en contacto co centro de atención, atendido por persoal cualificado, que dé resposta ante situacións de emerxencia, soidade e illamento.

O servizo préstase durante as 24 horas do día, durante os 365 días do ano e se complementará cun servizo de axenda-recordatorio de determinadas tarefas: control de tratamentos crónicos e consultas médicas e sociais.

A teleasistencia é un servizo anteriormente cofinanciado pola Administración Central, e que dende o ano pasado ten que financiar integramente o Concello de Ourense. Trátase dunha prestación fundamental nunha cidade na que o 29,8% da poboación é maior de 60 anos (31.926 persoas). A 31 de decembro o número de usuarios do servizo de teleasistencia domiciliaria en Ourense ascendía a 245 persoas.

O contrato terá duración de 12 meses, prorrogable ata o 31 de decembro de 2015.

Denega a resolución do contrato do servizo de autobuses

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local acordou denegar a Autobuses Urbanos de Ourense S.L., empresa adxudicataria do servizo público de transportes, a posibilidade de resolver de mutuo acordo o contrato asinado co Concello de Ourense, xa que “non existen razóns de interese público que fagan innecesaria ou inconveniente a permanencia do contrato”, de acordo cos informes realizados polo servizos municipais.

Desestima o recurso de ECOURENSE

Na mesma sesión, a Xunta Local acordou desestimar integramente o recurso de reposición interposto por ECOURENSE UTE, empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos da cidade, contra o acordo da Xunta de Goberno de 26 de setembro de 2013 no que, entre outras cousas, se acordaba requirir á empresa que ingresara en arcas municipais a cantidade de 814.635,19 euros en concepto de reintegro de pagos indebidos, segundo os informes de auditoría e do coordinador do servizo. No mesmo acordo, se requería á empresa concesionaria a que axustase a execución do contrato ao propio contrato, prego e oferta, coa advertencia expresa de que de non facelo así, sen perxuízo das penalidades que correspondan, faranse os descontos que correspondan de oficio, e impoñíaselle unha sanción de 12.000 euros pola comisión dunha falta grave tipificada no prego.

Continúa a expropiación de terreos nas Burgas

Tamén esta mañá, a Xunta de Goberno Local acordou desestimar a solicitude realizada pola empresa Xardín das Burgas S.A. de suspensión da execución do acordo de aprobación inicial do proxecto de expropiación dos bens e dereitos incluídos na Área de Reparto das Burgas.

O proxecto de expropiación foi aprobado o día 5 de decembro pola Xunta de Goberno Local e se atopa na actualidade en período de exposición pública e presentación de alegacións.

A empresa Xardín das Burgas presentou unha alegación na que, entre outros aspectos, solicitaba a suspensión da execución do acordo. Esta pretensión é a que foi desestimada esta mañá pola Xunta de Goberno Local ao entender que non concurre ningunha razón para a súa suspensión.

Unha vez rematado o período de exposición pública, corresponderá ao Concello resolver as alegacións presentadas e proceder á aprobación definitiva do proxecto de expropiación que permitirá desenvolver a área de reparto formada por as Burgas e o seu contono para o seu desenvolvemento termal.

Centro de visitantes de Montealegre

Na mesma sesión, a Xunta Local acordou adxudicar, mediante procedemento aberto, o servizo de xestión do centro de visitantes do Parque de Montelealegre, á empresa Bruma Xestión Ambiental, S.L. por ser a oferta máis económica das admitidas e a que máis puntuación obtivo no apartado técnico, segundo proposta da mesa e o informe técnico emitido ao respecto que serve de motivación.

20 de febreiro de 2014 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.