O Concello de Ourense acometerá a renovación da pavimentación e servizos do Recanto da Requeixada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá as memorias descritiva, construtiva e valorativa das obras de pavimentación e renovación de infraestruturas no Recanto da Requeixada, no núcleo de Seixalbo. As obras suporán un investimento de 34.530,70 euros

O proxecto, redactado pola Oficina de Rehabilitación da Área de Rehabilitación Integral de Seixalbo, define as obras necesarias para a completa posta en valor desta vía pública de uso peonil, cunha superficie de 330 metros cadrados. Nela renovaranse non só o pavimento senón tamén as infraestruturas neste espazo público, con acceso desde a rúa Requeixada, dentro do núcleo de interese etnográfico de Seixalbo.

A zona dotararse de pavimento novo, formado por adoquinado. Levantaranse todas as redes de infraestrutura existentes: abastecemento de auga, saneamento, iluminación e enerxía eléctrica, que se atopan obsoletas, e substituiranse por novas instalacións, engadindo aquelas que agora se fan necesarias, como telefonía e wifi. Descolgaranse e entubaranse as redes de iluminación pública e rede eléctrica e substituiranse as luminarias existentes.

Iluminación en Ramón Puga e Montequeixo

Na mesma sesión, a Xunta Local aprobou as memorias técnicas e enerxética do proxecto de renovación de instalacións de iluminación pública exterior no contorno das rúas Ramón Puga Noguerol e Montequeixo, por un importe de 59.999,87 euros.

A este respecto, o Concello solicitará subvención por parte do Instituto Enerxético de Galicia, de conformidade coa Resolución do 23 de decembro de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para o ano 2014 de aforro e eficiencia enerxética para proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia, con financiamento procedente de fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

O Concello de Ourense solicitará esta subvención coa agrupación de Concellos de Coles, Amoeiro, Ourense, A Peroxa, e Maside.

Poda e apeo de árbores en diferentes zonas da cidade

Tamén esta mañá, a Xunta de Goberno aprobou o expediente para contratar a realización de traballos de poda e apeo de árbores de diversas zonas públicas da cidade, cos correspondientes pregos de cláusulas administrativas e técnicas, cun orzamento de 24.714,77 euros

Os traballos consistirán na realización de podas e apeo de árbores que o precisan por mor da proximidade a edificacións, estado fitosanitario deficiente, numerosos ataques de fungos, ocos producidos por pudricións que os fan sumamente fráxiles, ramas secas que se desprenden constantemente, perigo de caída ou pola existencia de informes que o recomendan.

Todo isto aconsella que se efectúen labores de poda ou apeo en función do estado no que se atopa cada un dos exemplares.

Os traballos consistirán en podas de saneamento, eliminación de ramas secas, limpeza de ramas baixas e tala de pés secos, de árbores sitos nas rúas Barros Sibelo, Coruña, Campo da Feira, Parque dos Carrileiros, Parque de San Lázaro, rúa pena Trevinca, Parque de Pena Trevinca e Praza das Mercedes.

O contrato terá unha duración de 22 días hábiles, de luns a venres, contados a partir da súa sinatura.

Servizo de conserxería nos centros cívicos municipais

Na mesma sesión, a Xunta Local acordou adxudicar, mediante procedemento aberto e regulación harmonizada, o servizo de conserxería para o funcionamento dos centros cívicos dependentes da Concellería de Benestar Social do Concello de Ourense, a EVENTOS Y SERVICIOS NORTE, S.L.U., por un importe total de 134.835,77 euros (IVE incluído).

A adxudicación baséase nos puntos obtidos coa proposición económica, xa que é a oferta máis barata, e cos puntos obtidos na oferta técnica segundo informe do Servizo de Benestar Social, e con base na proposta da mesa de contratación, que analizou as ofertas das 16 empresas que concurriron ao concurso convocado polo Concello.

27 de febreiro de 2014 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.