O Concello de Oroso convoca dous cursos presenciais de iniciación a Internet e á ofimática
O Concello de Oroso dous cursos formativos de informática, un de iniciación a Internet e outro de iniciación á ofimática, que se impartirán a través da aula mentor EducaOroso. As clases, que terán lugar en modalidade presencial, comezarán o vindeiro luns 3 de marzo, polo que os veciños e veciñas interesados en participar deberán anotarse antes do 28 de febreiro na Aula de Informática do Concello de Oroso (rúa do Deporte s/n) ou chamando ao 981 688 950. O custe de inscrición é de 48 euros por cada curso e as clases terán lugar na Aula CeMIT do Concello de Oroso ao longo de dous meses e medio.
O obradoiro de iniciación a Internet está dirixido a usuarios iniciados na Rede pero que desexen afondar nas posibilidade que ofrece para realizar buscas, contratar produtos, comprar, localizar persoas, centros e información de instrumentos de traballo habituais nos nosos días. Así, os alumnos aprenderán a manexarse cos distintos navegadores, co correo electrónico, coas redes sociais, videoblogs…
O segundo curso será de iniciación á Ofimática a través do programa de uso gratuíto OpenOffice. Os alumnos aprenderán a manexar o procesador de texto (Writer) e ferramentas de debuxo (Draw), a elaborar presentacións (Impress), a manexar follas de cálculo (Calc) e bases de datos (Base), así como a manexar o editor de páxinas web (HTML Editor).
Con esta oferta formativa, o Concello de Oroso pretende facilitar aos seus veciños e veciñas a oportunidade de actualizar o seu perfil profesional, potenciar o seu acceso ao emprego e aumentar a súa formación básica. A Aula Mentor EducaOroso conta con máis de 140 cursos que, unha vez superados, dan dereito a unha certificación de aproveitamento emitida pola Consellería de Educación e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Os alumnos interesados en matricularse nalgún destes cursos poden facelo directamente online a través da web municipal (http://www.concellooroso.com/) ou chamando ao teléfono 981 688 950.











