O Concello de Oroso convoca 4 novos cursos formativos a través de EducaOroso
O Concello de Oroso pon a disposición dos seus veciños e veciñas catro novos cursos formativos a través da aula mentor EducaOroso: dous sobre Internet e redes sociais para pemes e outros dous sobre tratamento a dependentes e introdución á arqueoloxía. Así mesmo, o Concello de Oroso informa de que tamén está aberto o prazo de matrícula nos cursos especiais organizados por Cisco a través da aula mentor EducaOroso, denominados CCNA, e que permiten obter unha certificación profesional en materia de novas tecnoloxías. Uns cursos que darán comezo o próximo luns 10 de febreiro.
Os catro novos cursos formativos da aula mentor EducaOroso son:
–Emprender en Internet. Curso de 60 horas dirixido a xornalistas, blogueros, autónomos, recén titulados e desempregados cun proxecto de empresa en Internet, así como empresarios da Rededesenvolver. O curso pretende dotar ao alumno/a de todos os coñecementos necesarios para desarrollar unha tenda electrónica, blog ou micromedio competitivo.
–Redes sociais para pemes: introdución ao community manager. Curso de 100 horas lectivas no que o alumno/a aprenderá as bases para xestionar a comunidade en torno a unha Peme, facendo fincapé nas dúas plataformas máis usadas: Facebook e Twitter.
–Administración de alimentos e tratamentos a persoas dependentes no domicilio. Curso de 50 horas lectivas dirixido a persoas que desexan aprender sobre a alimentación e a administración de medicamentos a persoas dependentes no seu domicilio. Contén unidades destinadas ao estudo dos sistemas dixestivo, cardiovascular, respiratorio, excretor e endocrino, así como outras orientadas á planificación do menú do dependente e ao coñecemento dos medicamentos e as súas formas e vías de administración.
–Desenterrar o pasado: introdución ao patrimonio arqueolóxico. Trátase dun curso de 90 horas lectivas deseñado para iniciar a todas as persoas interesadas no coñecemento e valoración do patrimonio arqueolóxico (é dicir, non está dirixido a formar profesionais neste campo, para o que existen estudos de carácter oficial específicos). O obxectivo deste curso é que o alumno/a coñeza en que consiste o traballo dos arqueólogos, saber como traballan estes profesionais na protección dese patrimonio e aproximarse á súa difusión.
Os alumnos interesados en matricularse nalgún destes cursos poden facelo directamente online a través da web municipal (http://www.concellooroso.com/) ou chamando ao teléfono 981 68 89 50. Con esta oferta formativa, o Concello de Oroso pretende facilitar aos seus veciños e veciñas a oportunidade de actualizar o seu perfil profesional, potenciar o seu acceso ao emprego e aumentar a súa formación básica. A Aula Mentor EducaOroso conta con máis de 140 cursos que, unha vez superados, dan dereito a unha certificación de aproveitamento emitida pola Consellería de Educación e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Cursos CISCO
Así mesmo, o Concello de Oroso informa da próxima convocatoria dos cursos especiais CISCO, cuxo inicio está previsto para o vindeiro luns 10 de febreiro. Trátase de sete cursos formativos sobre novas tecnoloxías que non gozan da flexibilidade do resto da oferta da aula mentor, xa que teñen data de inicio e fin previamente planificada, seguindo un modelo similar ao presencial no que todos os alumnos teñen que manter a súa matrícula durante cando menos 5 meses.
Estes cursos CCNA están divididos en dous itinerarios: o Discovery (cuxo obxectivo é introducir os alumnos/as no mundo das redes de ordenadores a través de ferramentas interactivas e prácticas guiadas) e o Exploration (destinado xa a alumnos/as con estudos de informática ou con coñecementos avanzados no uso de ordenadores, xa que afonda no mundo das redes de ordenadores ofrecendo ferramentas para deseñar, instalar e configurar redes de pequeno e mediano tamaño, así como amosar todos los servizos dos que dispón un provedor de servizos de Internet). Os módulos convocados son os 2, 3 e 4 do CCNA Discovery e do CCNA Exploration.
Así mesmo, ofrécese tamén unha novidade: o CCNA 5 Routing and Switching, un programa de certificación para enxeñeiros de rede de nivel básico que prepara para instalar, configurar, operar e solucionar problemas de mediano tamaño en redes enrutadas e conmutadas. Máis información na web: http://www.mentor.educacion.es.











