O Concello de Narón elevará ó Pleno unha moción de apoio á proposición de lei da CIG sobre medidas de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o tenente de Alcalde e Secretario Xeral de Terra Galega (TEGA), Guillermo Sánchez Fojo, recibiron hoxe ós representantes comarcais do sindicato CIG, Manuel Grandal e Xesús López Pintos, logo de ter rexistrado unha moción para o seu debate en pleno sobre Medidas para a Creación de Emprego en Galicia.

Esta moción promovida pola CIG será asumida polo goberno local, e se elevará o Pleno Ordinario previsto para o xoves 27 de febreiro, para o seu debate. Está baseada nunha proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, que está a impulsar a CIG no Parlamento de Galicia e que recolle máis de cen propostas para que a Xunta de Galicia promova a xeración de emprego nesta comunidade.

Algunhas destas medidas son as seguintes:

Política industrial:

-Creación dun plan de desenvolvemento industrial baseado nos sectores básicos da economía (leite, papel, granito, moble, pesca, marisqueo, téxtil, conserva, enerxías renovables, sivicultura, automóvil, naval).

-Elaboración dun proxecto de lei de creación do Instituto da Empresa Pública Galega.

-Constitución de novos proxectos industriais.

-Rexeitamento da privatización de empresas e servizos públicos.

Sector agrario:

-Creación dun plan de medidas de apoio ó sector forestal e agrogandeiro

Sector pesqueiro:

-Creación dun plan integral de recuperación dos caladoiros

-Posta en marcha dunha política pesqueira que apoie a Galicia na UE

Sector naval:

-Creación dun complexo industrial da construción naval na ría de Ferrol, coa participación da propia Xunta, que abranga todas as áreas relacionadas coa construción naval, civil, militar e reparacións, así como o sector de bens de equipo e enerxético.

-Constitución dun holding entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal na ría de Vigo, con participación pública e privada.

Sector da construción:

-Posta en marcha dun plan para a rehabilitación de vivendas con medidas coma a mellora da eficiencia enerxética. En edificios emblemáticos e nos interiores fomentarase o uso de materiais autóctonos.

Sector enerxético:

-Fomento do aforro e de eficiencia no consumo eléctrico.

-Adaptación das centrais térmicas de As Pontes e Cerceda á Directiva Europea de Emisións Industriais.

-Implantación dunha tarifa eléctrica máis baixa para Galicia, partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico.

Sector do comercio e o turismo:

-Campaña permanente sobre a necesidade de consumir produtos e servizos elaborados en Galicia, para manter e crear emprego na comunidade.

-Apoio ó pequno comercio.

-Promoción do turismo –especialmente o rural- no exterior.

Cultura e lingua galegas:

-Fomento da produción propia nos medios de comunicación, no cine, na música, no teatro, na artesanía, etc…

Sector da automoción:

-Creación dunha Mesa Galega da Automoción.

-Posta en marcha dun Plan Integral de Automoción, con medidas de apoio ó I+D+i.

Sector da minaría:

-Desenvolvemento dunha Lei de ordenación da minaría de Galicia.

-Promoción da explotación racional, a comercialización e a posta en valor do granito e a lousa.

Sector da conserva:

-Posta en marcha dun Plan Integral Produtivo e Extractivo (produción, flota e marisqueo) que favoreza a concesión de crédito á pequena e mediana empresa.

Sector da madeira:

-Plan estratéxico do uso agrícola, gandeiro, enerxético e forestal do monte galego.

Sector téxtil, confección, coiro e calzado:

-Apoio ás pequenas e medianas empresas que aposten polos produtos de calidade e deseño propio.

Economía social:

-Apoio á constitución de cooperativas ou sociedades anónimas laborais.

Medio ambiente:

-Elaboración dun proxecto de lei de reforma da Lei de residuos de Galicia.

-Elaboración dun proxecto de Lei de protección dos ecosistemas fluviais.

Infraestruturas:

-Elaboración dun Plan de fomento do transporte ferroviario.

-Creación dun plan integral do sistema aeroportuario galego.

-Reforma do ente Portos de Galicia, para a potenciación conxunta dos cinco portos principais (Vigo, A Coruña, Ferrol, Marín e Vilagarcía).

Política de I+D+i:

-Apoio á investigación científica ata igualar á media da eurozona.

-Permitir ás pequenas e medianas empresas participar en proxectos deste tipo.

Outras medidas propostas pola CIG nesta proposición  non de lei son: a defensa do dereito a un traballo de calidade, a mellora da sanidade e do ensino públicos, a creación dun Sistema Público Galego de Servizos Sociais, e a defensa dun sistema fiscal equitativo, xusto e redistributivo.

Tamén se reclama a creación dun banco público galego e dun Instituto Galego de Crédito e Investimento, o establecemento dun salario de inserción laboral e social para as persoas desempregadas que non cobren outro tipo de prestación, e a defensa das persoas en risco de exclusión social.

4 de febreiro de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.