O Concello de Monforte participa un ano máis na Rede de Teatros e Auditorios
O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura de Monforte para o ano 2014.
No primeiro semestre deste ano teremos a oportunidade de asistir a catro representacións de compañías profesionais, dúas para os máis pequenos e outras dúas para o público adulto. As obras infantís poñeranse en escena nos meses de febreiro e marzo, mentres que as dirixidas ó público adulto representaranse en abril e xuño.
A participación do Concello na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios permitirá que se acheguen a Monforte as seguintes compañías e obras:
-O príncipe e o parrulo da compañía Eme 2 (domingo 16 febreiro)
-Xango da compañía Talía Teatro (domingo 16 marzo)
-As do peixe da compañía Abrapalabra (mércores 16 abril)
-A charca inútil da compañía Teatro do Atlántico (sábado 7 xuño)
As representacións levaranse a cabo no Edificio Multiusos. O prezo da entrada xeral será de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.











