O Concello de Monforte continúa en boa liña na súa xestión do lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A cantidade de residuos sólidos urbanos (bolsa negra) recollida en Monforte durante o pasado ano reduciuse en 122,6 toneladas respecto dos datos do ano 2012, o que supón un descenso do 2 % (no 2012 xa se reducira nun 4,39 %).

En 2013 contabilizáronse 6.329,20 Tm. fronte ás 6.451,8 Tm. do ano anterior. Este dato resulta altamente positivo xa que leva implícito un incremento da reciclaxe e, polo tanto, unha mellor selección dos residuos en orixe. Ademais da maior concienciación da cidadanía sobre a importancia que ten a reciclaxe, tampouco podemos descartar a beneficiosa influencia que tivo o cubeo (posto en marcha no mes de xuño do ano 2011) na redución continuada deste tipo de lixo.

A diminución das toneladas de lixo recollidas teñen unha compensación económica ó reducirse a contía da factura que se paga a SOGAMA (60 € Tm. RSU).

No que respecta á recollida selectiva nos diferentes contenedores de vidro, papel e envases, así como nos de aceite doméstico, pilas, CD, bombillas e roupa, os datos do ano 2013 presentan variacións respecto dos do 2012: aumenta a recollida de vidro, aceite doméstico, roupa usada e CDs, mentres que as demais diminuen en maior ou menor medida.

Nos últimos anos mellorou de xeito notable a infraestrutura dedicada ó depósito destes materiais, coa instalación de 97 “illas” de contenedores de recollida selectiva e de pilas tanto na zona rural como na urbana. Tamén se instalaron cinco contenedores especiais para pilas, toner, CDs e bombillas en diferentes lugares da cidade (A Pinguela, rúa Chantada, avenida de Galicia,  Dr. Casares e Benito Vicetto), así como contenedores para pilas nos centros de ensino, bazares, tendas de fotografía, e outros establecementos que venden ou consumen este tipo de material.

Centrándonos nos datos sobre a recollida selectiva observamos que a de vidro alcanzou o ano pasado as 247 Tm., 33 máis que no 2012, o que supuxo un aumento do 15 % neste tipo de recollida.

No que respecta á recollida de papel e cartón, o ano pasado recolléronse 261 Tm.,  13,6 Tm. menos que no ano 2012, cun descenso do 5 %. Hai que salientar a recollida “porta a porta” que se realiza na zona centro da cidade e na zona comercial da Estación, dando cobertura á eliminación de cartón por parte dos negocios. Este tipo de recollida realízase a partir das 21:00 h. e de luns a sábado, e dicir, seis días á semana e sen custo algún para os comerciantes.

En canto á recollida de envases, as cifras do 2013 son moi similares ás do ano anterior. Recolléronse 168 Tm., unha menos que no ano 2012, anualidade na que  se producira un incremento de case o 6 % neste tipo de recollida selectiva. O descenso no 2013 débese a unha mellor selección do lixo, xa que se detectou unha menor presenza de impropios no colector amarelo durante esta anualidade (arredor do 20 %). A Xunta de Galicia sitúa o límite para os impropios no 22 %, cifra a partir da que os concellos reciben sancións.

Un tipo de residuo que continúa rexistrando incrementos na súa recollida é o aceite doméstico que, con 4,23 Tm. no ano 2013, medrou un 3 % respecto do ano 2012. Lembramos que no 2012 a recollida de aceite doméstico incrementárase nun 128 %. En novembro do 2013 instaláronse tres novos colectores de aceite doméstico nas rúas Escultor Francisco Moure e Chantada, e nas vivendas Sociais da Pinguela, sendo 13 en total os que hai na cidade.

Nos contenedores para a recollida de roupa usada depositáronse o ano pasado 45 Tm., 1,3 Tm. máis que no 2012, o que supón un incremento do 3,1 %.

Se nos ocupamos da recollida selectiva de elementos de menor volume (pilas, CDs e bombillas), para os cales existen contenedores específicos nalgunhas rúas da cidade, en comercios, e en edificios públicos, tamén temos que falar de diferentes tendencias.

O ano pasado recolléronse 29 Kg. de CDs, 11,5 Kg. máis que no 2012, o que supón un incremento superior ó 65 % na recollida deste material.

No que respecta ás bombillas, o ano pasado recolléronse 35,5 Kg., 4,5 Kg. menos que no 2012, o que representa un descenso do 11 %.

Finalmente, no que se refire á recollida de pilas, produciuse un lixeiro descenso respecto dos datos do ano anterior, recolléndose 2.480 Kg., 270 Kg. menos que no 2012. Este tipo de recollida rexistrara no 2012 un incremento superior ó 800 %, motivo polo que as cifras do 2013 continuan sendo moi boas.

Outro tipo de recollida que se efectúa no Concello é o de enseres e mobles. Esta recollida realízase a domicilio previa chamada ó teléfono 900 101 390. No ano 2013 fixéronse 561 recollidas, case un 10 % máis que no ano 2012, onde a cifra foi de 511.

Monforte dispón tamén dun punto limpo (aberto os luns, mércores e venres) onde a cidadanía deposita residuos que non teñen cabida en ningún dos múltiples colectores específicos distribuídos ó largo do Concello.

O punto limpo recolleu durante o ano 2013 os seguintes materiais e cantidades:

Chatarra: 8,02 Tm., un 78 % menos que no 2012.

Colchóns: 14,10 Tm., un 21 % menos que no 2012.

Voluminosos e plásticos: 42,56 Tm., un 5,8 % máis que no 2012.

Plásticos de silo: 10,48 Tm., un 34 % máis que no 2012.

Madeira: 29,64 Tm., un 17 % menos que no 2012.

Pilas: 2,48 Tm., un 9,8 % menos que no 2012.

Fluorescentes: 320 Kg., igual que no 2012.

Pequenos electrodomésticos: 7,68 Tm., un 3,8 % máis que no 2012.

Cadena de frío (frigoríficos e conxeladores): 4,73 Tm., un 60 % menos que no 2012.

Pantallas informáticas e de TV.: 16,86 Tm., un 8 % menos que no 2012.

Toner: 16,86 Kg., un 61 % menos que no 2012.

6 de febreiro de 2014 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.