O concello de Ferrol premiará o talento e creatividade dos xóvenes da cidade no certame “Lidera Ferrol”
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ferrol, celebrada esta mañá, aprobou a realización do certame “Lidera Ferrol 2014” así como as bases que rexerán o mesmo. Esta última ratificación ven despois da súa aprobación por unanimidade na comisión informativa da Área de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, que tivo lugar o pasado xoves día 13.
Así as cousas, un ano máis a Administración ferrolá premia aos mozos/as creadores e aposta por eles, facendo promoción da súa obra artística ou da súa creación. O certame de creatividade estará composto por oito modalidades diferentes: Curto/Videoarte; Deseño Soportes Dixitais; Fotografía; Musica; Deseño de Produto; Cómic/Relato Curto; Pintura/Escultura e Teatro/Danza.
No que atinxe á pasado edición, foron presentados preto de 120 proxectos tanto individuais como colectivos e repartíronse un total de 8.000 euros entre os primeiros gañadores de cada unha das categorías. Os primeiros premios de “Lidera Ferrol 2013” foron os seguintes: “Simetrías” de David Soler Berini, na modalidade de fotografía; “Fugacidad” de Hadrián Rodríguez López, en curto/videoarte; “Ecobox” de Francisco Sanchís Veiga, en deseño de produtos; “Segunda estrella a la derecha y recto hasta el amanecer” de Marta Fernández Corral, na modalidade cómic/relato curto; “APP Semana Santa Ferrol” de Hadrián Rodríguez López, en deseño de soportes dixitais; “Días raros” de Miguel Ángel Alonso Fernández, na categoría de música; “Esfuerzo=Triunfo” de Cristina Silvera Piñeiro, en teatro/danza; e “Ferrolana” de Blanca Escriga Fernández, na modalidade de pintura/escultura.
Axudas económicas para os Comedores Sénior
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde á aprobación das novas bases reguladoras da concesión de axudas económicas para o acceso das persoas maiores aos Comedores Sénior. Esta renovación do regulamento responde á necesidade de adaptación á normativa autonómica así como á apertura dos dous novos Comedores Sénior de Esteiro e de San Pablo-Catabois.
Este servizo municipal está dirixido á mellora do benestar e a calidade de vida das persoas maiores potenciando un envellecemento saudable, e ten como obxectivos facilitar unha alimentación adecuada e procurar un espazo relacional e de vínculos de amizade e relación coa comunidade. Entre os requisitos que se deben cumprir para poder ser beneficiario deste servizo de comedor están ser persoa maior de 65 anos, empadroada e residente en Ferrol e ter autonomía para desenvolverse no mesmo. O prazo para presentar as solicitudes está aberto todo o ano e serán recollidas no Rexistro Xeral do Concello xunto coa documentación requirida.











