O concello de Ferrol envía 1.000 mensaxes e correos electrónicos para comunicarlles aos veciños as súas débedas tributarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A Concellería de Economía e Facenda do Concello de Ferrol, que dirixe Alejandro Langtry Caínzos, enviou esta semana un total de 996 correos electrónicos e mensaxes de texto a móbiles comunicando a cidadáns e empresas que teñen débedas pendentes coa Administración local. Trátase de débedas no abono do imposto de bens inmobles (IBI) e do imposto de Actividades Económicas (IAE), que os contribuíntes terán que satisfacer cun 5% de recargo.

O Concello Ferrol dispón de diferentes medidas para a facilitar á cidadanía o pagamento das obrigas tributarias e todo tipo de débedas. Así, existen dous mecanismos de flexibilización para o pagamento: o pago en tres prazos, e o aprazamento e fraccionamento. Con respecto ao primeiro, a Administración ferrolá posibilita a domiciliación das sucesivas fraccións onde serán xuntados os pagos de tódalas débedas tributarias e doutra natureza de devengo periódico e carácter anual nun período de pagamento en tres meses -5 de marzo, 5 de xullo e 5 de novembro-. Neste senso, o importe total será dividido por tres e farase sobre a base do ano anterior, polo que o último prazo -o de novembro- se regularizará pola diferenza existente entre os pagamentos realizados.

Por outra banda, a segunda medida da Administración local a disposición da cidadanía para facilitar o pagamento de obrigas tributarias son os aprazamentos e fraccionamento. Estes tipos de forma de pago poden ser solicitados en función da contía da débeda, sendo dun máximo de 9 meses para un importe de débeda de ata 750 euros. Así mesmo, para un período máximo de 18 meses ser de ata 1.500 euros; ata 3.000 euros pode ser aprazado ou fraccionado un  máximo de 24 meses; e no caso de cantidades superiores a 3.000 euros os prazos concedidos son de ata 36 meses.

Oficina Virtual Tributaria

A Oficina Virtual Tributaria –www.ferrol.es – Apartado Sede Electrónica –  permite tanto a cidadáns como empresas realizar  tramitacións tributarias os 365 días do ano e as 24 horas do día. Así, a través deste servizo online terán acceso as súas fichas tributarias, poderán imprimir recibos e xustificantes de pago ou de domiciliación, visualizar o estado dos seus expedientes de xestión, os datos fiscais dos seus bens -inmobles, vehículos, etc-, información catastral, detalle das parcelas en inmobles rústicos, xestión de domiciliación -alta, baixa ou modificación-, autoliquidación de distintos conceptos -alta de imposto de vehículos, expedición de documentos administrativos, ocupación de vía pública-, e pago de recibos mediante a pasarela de pago Red.es -entidade adscrita ao Ministerio de Industria, Energía y Turismo e con dúas modalidades de pago: cargo en conta ou con tarxeta de crédito-.

20 de febreiro de 2014 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.