O Concello de Ferrol e a UDC organizan unha charla sobre o programa de convivencia interxeracional “Comparte”
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social, e a Universidade da Coruña (UDC), seguen organizando charlas informativas sobre o programa de convivencia interxeracional “Comparte”. Así, o Centro de Maiores CaixaGalicia -situado na Avenida de Vigo nº192- acollerá o vindeiro venres, día 14 de febreiro, unha nova conferencia para dar a coñecer este programa de aloxamento interxeracional. A charla dará comezo ás 12:15 horas e será impartida por técnicos municipais e da UDC.
Esta proposta, posta en marcha pola Administración ferrolá e o organismo universitario e pioneira en Galicia, pretende dar resposta tanto as necesidades de compañía e apoio das persoas maiores, como ás necesidades de aloxamento dos estudantes universitarios. O programa “Comparte” está dirixido as persoas xubiladas maiores de 60 anos e menores de 85 que vivan soas e sexan autónomas por si mesmas; e aos estudantes universitarios matriculados nunha titulación do campus de Ferrol tanto nun grao, mestrado ou doutoramento maiores de 18 anos e menores de 35 que non sexan residentes no municipio ferrolán.











